Manifesto Miñor esixe a mediación da Mancomunidade no conflito do GES

Non é a primeira vez que Manifesto Miñor ten chamado a atención aos diferentes gobernos da Mancomunidade do Val de Miñor sobre a situación do GES, e a dicir a verdade sen moito éxito. “Agora, á vista dun conflito que se agrava e que leva enquistado máis de catro anos sen que por parte dos responsables políticos que levan pasado neste tempo, por certo, todos do PSOE, se tomara unha soa medida ao respecto. Todo foron boas palabras, ou nin iso”, lamenta Antonio Araújo.

“O GES é un servizo imprescindible e dunha utilidade pública máis que comprobada polo que os responsables políticos da Mancomunidade deberían estar máis que atentos ao seu funcionamento e aos problemas internos que poida haber. A falla desa atención á hora de resolver ou de mediar nos conflitos pode levar ao GES a unha situación de bloqueo e polo tanto de chegar a ser inoperativo”, advirte Araújo.

“E Manifesto Miñor hai tempo que chegamos á conclusión de que para os tres alcaldes do PSOE do Val de Miñor a Mancomunidade é un estorbo, e en consecuencia optaron pola estratexia de ir deixándoa morrer pouco a pouco por inanición. Para nós trátase dunha gravísima irresponsabilidade política pois a Mancomunidade é, e pode ser aínda máis, unha ferramenta de moita utilidade para a comarca, e que ademais conta con persoal e recursos propios que cómpre xestionar axeitadamente. Mirar para outro lado como no caso do GES é dunha gravidade sen parangón, poderíase dicir que están xogando con lume no sentido literal da expresión”, conclúe Araújo

Dende Manifesto Miñor esixen que sen máis dilación a Presidencia de quenda da Mancomunidade tome cartas no asunto escoitando ás partes en conflito e mediando para resolvelo e que o servizo do GES non se vexa afectado por esta situación, “máxime co verán que estamos tendo e o que pode vir”.