Baiona dota de saneamento o camiño de “Os Cotos” en Santa Cristina da Ramallosa

O Concello de Baiona dotou de saneamento a senda dos Cotos de Santa Cristina da Ramallosa. Instalouse unha nova canalización de saneamento para dar acceso á mesma ás vivendas que non contaban con este servizo municipal. O Concello considera necesarios os traballos porque os veciños da zona trataban individualmente as augas residuais con fosas sépticas nas súas vivendas. O concelleiro de Vías e Obras, Óscar Martínez, sinala que con estes traballos “instalouse unha canalización de case 200 metros que permitirá dar un novo servizo a todas as vivendas situadas nesta vía”. O concelleiro subliña que se trata “dunha petición veciñal que foi atendida polo concello”.

Pola súa banda, o alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, comenta a importancia desta obra “que dará servizo aos fogares deste lugar”. Así mesmo, destaca que “é un compromiso do alcalde de Baiona para que a veciñanza teña o mesmo acceso aos servizos municipais onde queira que residan”. A dotación desta nova rede de saneamento súmase a outras moitas levadas a cabo nos últimos meses en distintos puntos da vila. Do mesmo xeito, darase continuidade á mellora de infraestruturas e servizos básicos dos distintos barrios e parroquias do municipio. O rexedor reafirma que o obxectivo é completar o saneamento dos barrios e lembra que a dotación destes servizos aos núcleos urbanos “foi, e segue a ser, unha das nosas prioridades”.