Gondomar loce a Alfombra Mundial do Xacobeo 21-22

Gondomar participa esta fin de semana no proxecto do Xacobeo 21-22 coa realización da Alfombra Mundial no Adro da Igrexa de San Bieito, realizada pola Asociación de Mulleres Rurais San Bieito. Esta iniciativa está impulsada pola Comisión Xestora de Entidades Alfombristas do Camiño de Santiago, da que os alfombristas da Vila Condal son membros fundadores xunto con alfombristas de Bueu, Tui, Redondela, Ponteareas e os asturianos de Castropol.

Cada cidade realiza a súa alfombra seguindo a súa propia técnica e estilo, utilizando os materiais que prefiran, pero todas representan un deseño común creando un tapiz efémero. O proxecto para este ano Xacobeo denominado “Alfombra Mundial do Xacobeo 2022” deseñada por Antonio Cunha de Setúbal sitúanos a Cruz de Santiago, como o faro que guía aos Peregrinos cara a poñente. Ademais, a alfombra é unha alegoría das vidreiras que nos atopamos nas Igrexas e Catedrais de camiño a Santiago de Compostela. Ademais, en cada alfombra aparece o nome da cidade de realización.

O obxectivo principal deste proxecto é a difusión, divulgación e promoción do Camiño de Santiago e do patrimonio material e inmaterial vinculado a el, destacando a riqueza cultural, natural e humana do Camiño de Santiago. A mesma alfombra realizarase ao mesmo tempo a escala mundial en distintos lugares, a modo de flashmob de arte efémera, na véspera e día grande do Apóstolo Santiago. Contan con máis de 310 cidades inscritas neste proxecto, 107 españolas, das cales 30 son galegas; 74 italianas, 28 da india, 22 de México e 15 de Portugal e o resto repartidas entre diferentes países.

Participan máis de 15.000 alfombristas de Alemaña, Arxentina, Brasil, Bolivia, Colombia, Chile, Costa Rica, Estados Unidos, Ecuador, El Salvador, Francia, Finlandia, Guatemala, Honduras, Hungría, India, Italia, Lituania, México, Nicaragua, Nova Zelandia, Paraguai, Polonia, Panamá, Perú, Portugal, Uruguai, Tunes, Venezuela e España.