Baiona acolle a celebración diocesana da II Xornada Mundial dos Avós e Persoas Maiores

O vindeiro martes, 26 de xullo, ás 20:00 horas, o bispo de Tui-Vigo presidirá a eucaristía no templo parroquial de Santa María de Baiona para celebrar a II Xornada Mundial dos Avós e Persoas Maiores, baixo o lema “Na vellez seguirán dando froito”.

O papa Francisco, a través da mensaxe publicada para a ocasión, lembra a todos os avós/as e as persoas maiores que “neste mundo noso estamos chamados a ser artífices da tenrura. Fagámolo, aprendendo a utilizar cada vez máis e mellor o instrumento máis valioso que temos, e que é o máis apropiado para a nosa idade: o da oración”.

O Santo Pai decidiu instituír en toda a Igrexa a celebración da Xornada Mundial dos Avós e dos Maiores, que se celebrará, a partir deste ano, o cuarto domingo de xullo, preto da memoria litúrxica dos santos Xoaquín e Ana, avós de Xesús. Tal e como sinalaron desde a sacra congregación para os Laicos, a Familia e a Vida, trátase dunha celebración que é froito do pasado Ano da Familia Amoris Laetitia, clausurado en Roma o pasado mes de xuño co Encontro Mundial das Familias e que contou coa participación da delegación de Pastoral Familiar da diocese de Tui-Vigo.