Galicia terá como festivos propios o 17 de maio e o 25 de xullo para o vindeiro ano 2023

O Consello da Xunta de Galicia aprobou hoxe, unha vez que o Consello Galego de Relacións Laborais emitiu o correspondente ditame, o calendario laboral de Galicia para o próximo ano 2023, no cal se fixan como festivos propios os días das Letras Galegas (17 de maio) e o Día Nacional de Galicia (25 de xullo).

A normativa estatal, fixada polo Real decreto 2001/1983, establece as 14 festas anuais de ámbito nacional non recuperables, remuneradas e de carácter obrigatorio. Destes 14 festivos, dous son elixidos por cada concello. Dos outros 12 restantes, nove son de carácter obrigatorio e non substituíbles non sendo que coincidan en domingo: 1 de xaneiro, Venres Santo (7 de abril en 2023), 1 de maio, 15 de agosto, 12 de outubro, 1 de novembro, 6 de decembro, 8 de decembro e 25 de decembro. No ano 2023 hai un festivo nacional de carácter obrigatorio que coincide en domingo: o 1 de xaneiro (Aninovo), que Galicia propón substituír polo 17 de maio, día das Letras Galegas.

Os outros tres festivos de carácter nacional son opcionais, é dicir, poden ser substituídos polas comunidades autónomas: o 6 de xaneiro, que en Galicia nunca se cambia, agás que coincida en domingo; o Xoves Santo, que en 2023 se celebrará o 6 de abril e na Comunidade galega non se modifica de xeito tradicional; e tamén se lles dá a opción ás comunidades de escoller como opcional entre o 19 de marzo e o 25 de xullo. Sempre eliximos o 25 de xullo, xa que é o Día Nacional de Galicia, tal como quedou establecido polo Decreto 8/1978, do 10 de xullo.

Unha vez aprobados os festivos de carácter autonómico por parte do Consello da Xunta de Galicia, publicaranse no Diario Oficial de Galicia (DOG). Ademais, cada un dos concellos galegos levarán a cabo a determinación de dous días como propios da súa localidade. Non será necesario que o decreto autonómico estea publicado, só será necesaria a aprobación para que os concellos elixan os festivos locais.