A Asociación de Veciños de Sabarís volve despois do parón estival co seu proxecto “Encamíñate con Castro e Ladeira”. “Os obxectivos desta actividade son moi claros” afirma Martín Otero, presidente do colectivo, “non só queremos promover o deporte mediante as andainas, tamén queremos potenciar e promover a parroquia, sen esquecernos da convivencia entre veciños, algo que se está a perder”. A actividade non ten límite de idade, “adaptarémonos sempre á xente interesada”.
Este sábado 6 de outubro ás 16:30 horas terá lugar unha ruta polo monte da parroquia. O punto de encontro será ao carón da entrada da autoestrada (Camiño Follaces en Sabarís). Todas aquelas persoas interesadas pódense poñer en contacto con calquera membro da Asociación ou ben, pasar polo local da mesma, localizado no antigo edificio dos mestres de Sabarís. “Pódense anotar socios, non socios, veciños, foráneos, é unha actividade moi aberta, queremos que a xente pase un bo rato mentres camiña e coñece a parroquia e arredores”, conclúe Martín.

