A Xunta transfire ao Concello de Gondomar varios treitos das estradas PO-331, PO-332 e PO-340

O Consello da Xunta de Galicia autorizou hoxe o Decreto polo que se aproba o cambio de titularidade de varios treitos antigos das estradas P0-331, P0-332 e P0-340, xunto coa súa franxa de dominio público viario asociado, a prol do Concello de Gondomar. Entre estes tramos obxecto da transferencia atópanse algunhas das rúas principais do núcleo urbano da capitalidade do concello, como son a rúa Ángel Urzáiz, Eduardo Iglesias e un treito da avenida de Elduayen.

O Concello de Gondomar solicitou á Xunta a transferencia dos treitos antigos das citadas estradas autonómicas, que suman algo máis de 2 quilómetros. Estes treitos carecen de funcionalidade dentro da rede autonómica de estradas de Galicia, polo que reúnen as condicións necesarias para que a súa titularidade lle sexa transferida ao Concello de Gondomar.

A transferencia tramítase de acordo co previsto na Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, que establece a súa aprobación por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións implicadas. Co cambio de titularidade aprobado hoxe polo Consello da Xunta, o Concello terá a competencia para actuar nestes treitos e asume a responsabilidade da súa conservación e mantemento.

O decreto aprobado hoxe polo Executivo autonómico producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.