Os concursantes da derradeira edición de “La Voz” ofrecen un concerto en Nigrán

O Concello de Nigrán ofrece este sábado 23 de xullo ás 22:00 horas no campo de fútbol de Lourido o concerto “Más que Voz”, un espectáculo que reúne aos 18 artistas participantes no derradeiro programa televisivo “La Voz 2021”. A entrada é de balde ata completarse o aforo.

Deste xeito, o Concello de Nigrán aposta por un show audiovisual único, de case dúas horas de duración, e con Inés Manzano, Laura Gómez, Dan Rain, Marc Fígols, Senipaifos, Andrés Pino, Carmen Lillo, Viku, Julio Benavente, Beli Molina, Alex Sánchez e Carlos Galí no elenco. Son 18 voces completamente diferentes entre si e que compoñen un cóctel perfecto de estilos que van do soul máis puro ao pop-rock máis actual, pasando por baladas, boleros, flamenco ou canción de autor. Entre todos eles suman máis de 300.000 seguidores en redes sociais.

O camiño deste espectáculo empezou cando se xuntaron 7 das voces, en Cardedeu, Cataluña, nunha sala de concertos proporcionada polo concello. Meses máis tarde, reencontráronse no auditorio de Valdepeñas, o que foi o seu segundo escenario, esta vez, xa os 18. Alí foi onde naceu e colleu forma o proxecto “Más que Voz” que agora chega a Nigrán nunhas das súas primeiras paradas da xira por España.

“As mellores voces do momento somerxerán ao espectador nunha viaxe polos grandes éxitos da Historia da música nun espectáculo único e aberto a todo tipo de públicos”, explica o alcalde, Juan González, quen incide en que a entrada é de balde.