Anuncios
Ticker de novas

O “Bosque da Memoria” de Chandebrito, unha mensaxe de sustentabilidade

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Inauguración do "Bosque da Memoria" en Chandebrito.

Tras semanas de traballo, este venres inaugurouse na parroquia de Chandebrito o “Bosque da Memoria”, un espazo verde que pretende ser un punto de encontro ao redor da sustentabilidade e o respecto cara á natureza. Trátase dunha área de descanso e interpretación ao aire libre integrado por un total de 48 árbores autóctonas, oito de cada unha das seis especies elixidas: acivros, abeleiras, castiñeiros, cerdeiras, sobreiras e carballos.

Situado aos pés do Castro, pretende ser un recordo vivo do paso dos incendios por esta zona en outubro do pasado ano. Pero, ademais, este bosque busca converterse nunha mostra da existencia de alternativas sustentables e viables para os bosques galegos ao estar integrado por especies autóctonas, unha mensaxe de sustentabilidade tanto para os veciños como para os visitantes deste espazo.

O bosque compleméntase coa instalación de sinalética e espazos especialmente concibidos para os visitantes a modo de centro de interpretación e zona de descanso. No seu afán divulgador, estes paneis explicativos conteñen información sobre as especies autóctonas utilizadas na repoboación coa intención de dar a coñecer entre a poboación estas árbores típicas dos nosos bosques. Unha homenaxe aos que sufriron o incendio e as súas consecuencias, e en especial ás dúas veciñas que perderon a vida cando tentaban escapar do lume na zona.

Este espazo enmárcase na acción “Árbores de Cinza” impulsada pola Asociación Galicia Ambiental e que contou coa colaboración directa de distintas asociacións da zona, como a Comunidade de Montes de Chandebrito e a Asociación de Veciños “O Castro”, e outras de carácter internacional, como a Fundación C&A, da devandita cadea téxtil.

O acto, amenizado coa música do Grupo de Gaitas “O Castro” de Chandebrito, contou coa presenza do alcalde, Juan González, ademais de representantes de todas as entidades implicadas, como Víctor Vidal, presidente da Comunidade de Montes, ou Celina Bello Blanco, da Fundación C&A, e decenas de veciños e veciñas.

A inauguración do “Bosque da Memoria” foi o colofón a unhas sesións centradas na biodiversidade, a loita contra o lume e a formación en materia ambiental. As xornadas “Rural Sostible” contaron con diferentes relatores involucrados tanto no proxecto como na recuperación da zona así como expertos en educación ambiental, que abordaron a pegada dos incendios e alternativas sustentables para os bosques galegos.

Manuel Domínguez Rei, biólogo e educador ambiental, tratou a rendibilidade do monte, presentando alternativas respectuosas co medio ambiente e que tamén proporcionan un beneficio directo aos propietarios e veciños, en definitiva, opcións máis aló das máis populares centradas en especies alóctonas. O educador e divulgador ambiental, Antón Lois Estévez, abordou por unha banda a contribución das especies autóctonas a lograr unha sustentabilidade tanto ambiental como económica do territorio, e, por outra banda, profundou na necesidade de combater os lumes con accións preventivas durante as épocas de menor risco. Accións de limpeza e silvicultura do monte son unha ferramenta cada vez máis necesaria para evitar que as chamas arrasen os montes.

Outra das accións previstas para os próximos meses baixo o paraugas de “Árbores de Cinza”, impulsado pola asociación Galicia Ambiental e contando coa colaboración da Fundación C&A, centrarase en proxectos de sensibilización ambiental en centros escolares de toda España. Unha destas propostas arrinca coa convocatoria dun programa de formación dirixido a mulleres censadas en Chandebrito que serán as encargadas de dar a coñecer durante o curso escolar 2018/19 nos colexios a problemática dos incendios explicada “de primeira man”. Unha proposta para a que contarán, previamente, co asesoramento e formación de expertos forestais e de comunicación da asociación Galicia Ambiental.

Unha iniciativa coa que os escolares galegos poderán coñecer de primeira man as consecuencias dos lumes forestais a través dos testemuños de veciñas que os viviron en primeira persoa. Ademais, estas experiencias permitirán aos mozos coñecer alternativas sustentables mediante a recuperación de árbores autóctonas cos que reducir a incidencia dos lumes forestais.

Esta acción culminará en outubro, coa publicación dun “libro – aniversario” do incendio que arrasou os seus vales e montes o pasado ano e a entrega de diñeiro para a compra de centenares de árbores que serán plantados en marzo/abril de 2019 como colofón á serie de accións e colaboracións con esta parroquia pontevedresa que simbolizará para sempre a capacidade de repoñerse aprendendo leccións prácticas dunha gran catástrofe.

Anuncios