Máis de 8.000 persoas vibran na sexta edición de Vive Nigrán

O festival Vive Nigrán despediu a súa sexta edición co broche final do concerto Xacobeo, con Miguel Ríos acompañado de The Black Betty Trío. Unha clausura de luxo para a que foi a edición con máis afluencia de público, con abonos esgotados, e un cartel apto para todas as idades. Máis de 8000 asistentes gozaron durante esta fin de semana da programación nunha contorna única.

Rigoberta Bandini, Iván Ferreiro e La Bien Querida encabezaron un cartel que se completou cos concertos de Niña Polaca, Colectivo da Silva, Grande Amore, o Concerto Vibra Mahou de Cariño e as sesións DJ de Cool Nenas e EME DJ. Á programación desta edición sumouse unha xornada extra, Vive Nigrán [+] co concerto de Miguel Ríos & The Black Betty Trio, convertida nunha noite irrepetible cunha lenda viva da música española. O festival volveu a unha contorna privilexiada xunto a Praia América, coa colaboración do Concello de Nigrán. E fíxoo esgotando abonos e entradas para a xornada do sábado, onde Rigoberta Bandini montou unha auténtica festa no escenario logrando unha conexión total cos miles de asistentes. Para Iván Ferreiro o seu concerto en Nigrán foi tamén un reencontro moi sentido coa súa banda fronte á praia onde compuxo hai 20 anos algúns dos seus éxitos.

Unha edición máis, Vive Nigrán posicionouse como un festival familiar onde centos de nenos menores de 12 anos gozaron de maneira gratuíta da música en directo. As actividades complementarias para todos os públicos, que conectan coa contorna e o patrimonio tampouco faltaron. E por iso, nesta edición volveron as accións de Vive Sostible, Vive Patrimonio, Vive Igualdade e Vive Activo, realizadas coa colaboración da Deputación de Pontevedra, dentro do programa Rías Baixas Fest e o Concello de Nigrán. Un concerto de alumnos da escola Gain Over, un roteiro guiado por Monteferro, bautismos de surf ou paseos en kaiak en Panxón son o exemplo de que Vive Nigrán segue sendo moito máis que música.

Como obxectivos do festival, ademais traballouse para crear unha contorna de igualdade e respecto, con accións específicas durante o festival, e tamén coa sustentabilidade, con diversas propostas e actividades desenvolvidas para preservar a contorna onde se celebra, como o uso de vasos biodegradables e reutilizables e dúas xornadas de recollidas de residuos na praia, celebradas este ano en colaboración co Concello de Nigrán.

Desde a organización trabállase xa na próxima edición para seguir crecendo e poder ofertar un cartel de primeira liña, pero tamén para lograr un ambiente cómodo e familiar onde gozar da música en directo, a gastronomía e as actividades para todos os públicos nunha contorna única.

O festival contou co patrocinio da Deputación de Pontevedra, a través da súa marca “Rías Baixas Fest” e da Xunta de Galicia, a través de “FEST Galicia”, e en 2022 volveu a ter unha vez máis o apoio de Gadis, Aqualia e Vibra Mahou, a plataforma musical de Mahou Cinco Estrellas que xera encontros ao redor da música en directo.