Baiona volve vestirse de gala para homenaxear á Virxe do Carme

Tras dous anos de parón obrigado pola crise sanitaria, embarcacións e mariñeiros volveron vestirse de gala este domingo en Baiona para homenaxear á Virxe do Carme. A Confraría de Pescadores “La Anunciada” celebrou os actos na honra da súa patroa, aos que asistiron o alcalde, Carlos Gómez, o Presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Jesús Vázquez Almuiña, o Patrón Maior, Jose Miguel Sotelo, xunto con outros membros da corporación municipal e do pósito.

Ás 17:00 horas comezaba a misa de campaña no porto pesqueiro, oficiada polo párroco de Santa María de Baiona, Manuel Salcidos, cantada polo Coro de Homes “Voces Baionesas”, e á que asistiron centenares de persoas. Seguidamente, deuse paso á homenaxe ao mariñeiro de máis idade, Jesús Goce Silva “El Negro”, que recibiu ante os seus emocionados familiares unha metopa e un diploma de mans do alcalde e do Patrón Maior. Finalmente, o baionés Manuel Carneiro Denis interpretou unha canción dedicada aos mariñeiros falecidos.

A continuación, a charanga Nova Cubana acompañou o tradicional baile da Danza das Espadas, dedicado especialmente a Jesús, para finalizar as celebracións coa tradicional procesión marítima pola baía, na que participaron multitude de embarcacións. Xa fronte ás costas de Monte Boi, procedeuse á ofrenda floral, non só polos mariñeiros, senón por todo aquel que faleceu no mar. Finalmente, a imaxe da Virxe do Carme foi trasladada á Capela da Misericordia.

El pase de diapositivas requiere JavaScript.