O PSdeG aposta por Carlos Gómez como candidato á reelección como alcalde de Baiona

A dirección do PSdeG destacou hoxe “a boa xestión” despregada polos socialistas en varios concellos do Val Miñor, entre eles o de Baiona, onde este sábado se celebrou a festa socialista coa participación do secretario de Organización do PSdeG, José Manuel Lage. Tamén asistiron o Secretario Provincial de Pontevedra, David Regades, e outros membros da dirección galega como Francisco Ferreira, alcalde de Gondomar e responsable municipal do PSdeG en concellos de máis de 10.000 habitantes, e Rafael Cotelo, responsable de Función Pública da CENG.

Diante de máis de 250 militantes e simpatizantes socialistas, José Manuel Lage defendeu as medidas adoptadas polo goberno de España presidido por Pedro Sánchez para apoiar ás clases medias e traballadoras nun contexto de crise.

Lage recordou que o Partido Popular “leva 13 anos gobernando en Galicia e é o responsable do colapso que estamos sufrindo na sanidade pública” e fixo un chamamento a construír unha alternativa progresista para gobernar Galicia.

Xa centrados nas Eleccións Municipais fixo unha aposta rotunda pola reelección de Carlos Gómez, como alcalde de Baiona en 2023. “Carlos está avalado pola boa Xestión realizada nestes tres anos, goza da simpatía e apoio da militancia e ten todo o respaldo da dirección do PSdeG para volver a ser candidato en 2023”, explicou José Manuel Lage.

Os socialistas galegos, sinalou, confían no actual alcalde para “revalidar a alcaldía e mellorar os resultados de 2019”. “Carlos Gómez está facendo un gran traballo dende a alcaldía, mellorando día a día a vida dos veciños de Baiona”, explicou o Secretario de Organización do PSdeG, Jose Manuel Lage

“O Val Miñor é un bo exemplo das políticas progresistas que realizan os alcaldes e alcaldesas do Partido Socialista, priorizando as persoas, mellorando os servizos públicos e transformando os concellos en espazos de convivencia e Benestar”, afirmou Lage.