O Monte Real Club de Yates de Baiona recibe a bandeira de Galicia Calidade

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, e a xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez, asistiron hoxe en Baiona ao izado da bandeira de Galicia Calidade no Monte Real Club de Yates, situado neste municipio do sur de Pontevedra e enclave fundamental do turismo náutico galego. Unha acreditación da que xa dispoñen 14 portos deportivos galegos dos cales once -entre os que se atopa Baiona- contan, ademais, coa bandeira azul. Segundo apuntou Heredia, “Galicia é líder, tamén, en número de náuticos recoñecidos co Q de Calidade Turística de España, con seis de cada dez instalacións con este distintivo”.

No acto estiveron acompañados polo presidente da Agrupación industrial de Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal; e o presidente do Monte Real, José Luis Álvarez, quen agradeceu a visita e a concesión da distinción, coa que a Xunta de Galicia busca impulsar o turismo de calidade e promocionarse, no caso dos portos deportivos, como destino náutico de referencia. “O compromiso coa calidade por parte do Monte Real -dixo o presidente do club- é firme desde hai anos, e así o demostra non só este selo, senón tamén as múltiples melloras que fomos introducindo co paso do tempo tanto nas nosas instalacións como nos servizos que prestamos. Somos embaixadores da marca Galicia e estamos moi orgullosos diso”.

Pola súa banda, o Director Xeral de Comercio da Xunta de Galicia, Manuel Heredia, destacou que instalacións como as do Monte Real Club de Yates de Baiona “son un referente para o turismo lúdico e deportivo e fan de Galicia un importante destino náutico”. O Monte Real é un dos clubs náuticos máis importantes de ámbito nacional que ao longo dos case 60 anos de historia desenvolveu a súa actividade coas premisas de fomentar o turismo náutico internacional e a organización de regatas de alta competición, como son campionatos do Mundo e de Europa, ademais do Trofeo Príncipe de Asturias. Ademais do selo de Galicia Calidade, o Monte Real Club de Yates conta na actualidade con outras catro distincións ambientais e de calidade turística: a bandeira azul, a Q de Calidade, o Selo de Compromiso de Calidade Turística (SICTED) e o Quality Coast.

Ademais do de Baiona, contan co distintivo de calidade o Nauta Sanxenxo, Club Náutico de Sada, Club Náutico Ría de Ares, Club Náutico de Portonovo, Real Club Náutico de Ribadeo, Real Club Náutico de Vigo, Real Club Náutico de Portosín, Real Club Náutico de Sanxenxo, Real Club Náutico da Coruña, Club Náutico Deportivo de Ribeira, Club Náutico San Vicente do Mar, Real Club Náutico de Rodeira (Cangas) e o Club Náutico de Boiro. A bandeira de Galicia Calidade recoñece a súa localización, o equipamento do que dispoñen e os servizos que ofrecen.