Anuncios
Ticker de novas

A exposición “Rexas, mulleres baixo o terror franquista” reivindica a memoria das vítimas do alzamento do 36

FOTO: DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA

A Deputación de Pontevedra reivindicará a memoria das vítimas do alzamento de 1936 coa exposición ‘Rexas. Mulleres baixo o terror franquista’: unha escolma da historia de represión sufrida por 172 pontevedresas que foron perseguidas, asasinadas, encarceradas e, ademais, polo feito da súa condición de mulleres, soportaron tamén vexacións de corte sexista. A mostra, que foi presentada hoxe pola presidenta Carmela Silva e o deputado de Cultura Xosé Leal no Pazo provincial, percorrerá ata final de ano os concellos de Silleda, Tui, Marín, Nigrán e Pontevedra.

Esta exposición, organizada dende o departamento de Cultura,mantén o traballo do novo goberno provincial sobre a memoria das represaliadas e represaliados no primeiro plano, unha cuestión que segundo o deputado Xosé Leal “está a ser unha constante neste mandato”, xa que o tratamento da memoria e das mulleres “son claros compromisos”.

Leal destacou que as mulleres sufriron un maltrato moito máis duro que a dos seus homes ou familiares tras o alzamento, xa que ademais de soportar os asasinatos das súas persoas máis achegadas, o réxime tamén as castigou durante moitos anos “perpetuando a súa dor, sen poder chorar aos seus seres queridos porque había xente detrás que estaban azuzando para que non o fixeran. Eran realmente mulleres ‘rexas’, como di o título da exposición”.

O deputado recoñeceu e louvou o traballo das asociacións por recoller os acontecementos históricos e contribuír á mostra, agradeceu aos familiares das vítimas que manteñan viva a memoria, e salientou o interese mostrado polos concellos na iniciativa da Deputación.

78 imaxes de mulleres

A comisaria da exposición, Montse Fajardo, explicou que a exposición conta as historias de 172 mulleres, algunhas delas feitas públicas por primeira vez, a través de 78 fotografías. “Somos conscientes de que moitas non aparecen, moitas quedaron no camiño, pero esta é unha homenaxe a todas as mulleres que sufriron a ditadura”, sinalou.

A mostra, segundo dixo Fajardo, está dividida en tres bloques, sendo o primeiro o da contextualización histórica, que conta que o golpe de Estado supuxo unha quebra dos dereitos da República tanto no relativo ás clases como dende o punto de vista das mulleres, que despois pasaron a ser tratadas “como menores de idade ou sempre dependentes de varón”.

A segunda parte da exposición, a máis longa, analiza as diferentes tipoloxías de represión e mostra que, a pesares de que as cifras amosan que os homes son maioría nas listaxes de vítimas, as mulleres non só padeceron as mesmas tipoloxías de represión ca eles, senón que ademais foron obxecto de vexacións de corte sexista aplicadas non só a aquelas cidadás significadas política ou sindicalmente, senón tamén ás familiares de homes perseguidos: foron rapadas, agredidas sexualmente, tatuadas, arrastradas con cordas ou obrigadas a bailar espidas diante da xente.

Finalmente, a comisaria explicou que a terceira e última parte da mostra dedícase a recoñecer o labor solidario e resistente das mulleres, o seu apoio imprescindíbel á guerrilla, aos fuxidos, á xente presa e ás súas familias, ás viúvas e criaturas orfas, así como o seu protagonismo na transmisión da memoria. “O seu legado é a nosa mellor herdanza. Temos que agradecer aos familiares que comparten con nós as súas historias para que non deamos a esquecemento. Grazas por dicir sempre que si á memoria”, finalizou Fajardo.

Persoas significadas que defenderon valores de liberdade

Na presentación da mostra estivo presente Pepe Pereiro, cuxas familias tanto paterna como materna sufriron a represión: matáronlle ao avó e varias mulleres da súa familia foron rapadas. Pereiro aplaudiu á Deputación pola súa iniciativa e asegurou que “é de agradecer que se fagan estas cousas porque sempre se fala de contar a verdade, da xustiza e da reparación e estes traballos fan que haxa máis datos. Reparar non é posible porque a perda dunha vida non se repara, pero penso que a miña avoa Elena estaría intimamente satisfeita”.

Así mesmo, Pereiro quixo tamén reivindicar que a historia da represión “comezou nas ideas progresistas que se estaban a acadar naquel tempo e que tiñan as persoas que mataron. Foi unha morte programada porque sabían moi ben a onde tiñan que ir buscar e a quen: aos que se significaran socialmente nos anos previos defendendo o laicismo, os dereitos laborais…”.

Neste sentido tamén incidiu a presidenta Carmela Silva, quen hoxe pechou o acto de presentación da exposición. Silva reivindicou a dobre represión que sufriron as mulleres no golpe do 36 e sinalou que, ao poñer nome e rostro ás vítimas ante a sociedade, estase tamén a reivindicar a II República e os seus valores de liberade, xustiza, igualdade, democracia e legalidade. “Elas defenderon o xusto, a construción dun mundo mellor. Estas mulleres eran o mellor da sociedade pero foron silenciadas, por iso paga a pena destacar a súa presenza na nosa historia”, dixo.

A exposición ‘Rexas. Mulleres baixo o terror franquista’ estará do 12 ao 30 de xullo na Casa do Concello de Silleda; do 3 ao 30 de agosto na Área Panorámica de Tui; do 1 ao 30 de setembro no Museo Municipal Manuel Torres de Marín; do 13 de outubro ao 7 de novembro no Auditorio Municipal de Nigrán; e do 10 de novembro ao 10 de decembro no Pazo provincial da Deputación en Pontevedra.

Anuncios