O PP de Baiona critica o “veto” á homenaxe de Pepe Costas “mentres Nigrán instala unha placa no seu recordo”

O PP lamenta o “desprezo” do tripartito de Baiona ao falecido Pepe Costas por non dar resposta ao clamor do pobo, que xa desde principios de ano pedía render unha homenaxe permanente a este veciño, falecido en 2021, pola súa contribución á cultura, a comunicación e, entre outras cuestións, ao turismo de Baiona, o seu pobo natal e no que pasou toda a súa vida. Precisamente, o PP levou ao pleno ordinario de abril ese sentir popular propoñendo a instalación no Paseo de Alfonso IX dunha placa de recoñecemento e o alcalde e o seu equipo (PSdeG, BNG e Nós) vetaron a proposta e decidiron votar en contra dela impedindo, mesmo, o seu debate.

Estes días o municipio limítrofe de Nigrán si recoñeceu a Pepe coa instalación dunha placa no complexo Dunas de Gaifar, “un acto que lles honra”. Ao PP parécelle “un despropósito” e “demostra a falta de sensibilidade do tripartito cos seus veciños ao impedir que no seu propio pobo Pepe non poida ter a homenaxe que se merece e que o pobo demanda desde o seu falecemento”.

“Este tripartito que encabeza o socialista Carlos Gómez deixou patente no pleno de abril a súa falta de empatía con aquelas persoas que, dalgunha forma, tanto fixeron por Baiona desde as súas diferentes ramas persoais e profesionais como é o caso de Costas. Agora, co xesto de Nigrán, esta ofensa do rexedor e de todo o seu goberno ratifícase”, apuntan os populares. Para o PP baionés, “resulta vergoñoso que teñan que ser outros gobernos locais e outros municipios os que recoñezan a valía de Pepe Costas cando os baioneses foron os primeiros en reclamalo. É penoso que si o poida facer Nigrán e que en Baiona todo sexan escusas”, censuran os populares.