A Área Sanitaria de Vigo aposta pola música para mellorar o benestar emocional dos pacientes

A Unidade de Coidados Intensivos do Álvaro Cunqueiro acolleu hoxe un concerto no que un cuarteto de corda -2 violíns, 1 viola e 1 violonchelo- interpretaron varias pezas musicais. Con este primeiro recital arranca a programación a desenvolver tras o Acordo de Colaboración asinado pola Área Sanitaria de Vigo co Conservatorio Superior de Música co obxecto de levar a música aos pacientes hospitalizados no Álvaro Cunqueiro.

O acordo, asinado polo xerente da Área, Javier Puente, e o director do Conservatorio, Esteban Valverde, establece que o alumnado de máster e do Programa Erasmus xunto co profesorado do Conservatorio, ofreza recitais no hospital. Tras a UCI, vanse ofrecer concertos noutras áreas como Neonatoloxía, Pediatría, Obstetricia e o Hospital de Día, entre outros.

Trátase dun medio de axuda para mellorar o estado de saúde dos pacientes e ofrecerlles unha atención integral durante a asistencia. Hoxe en día están demostrados os beneficios da música, que contribúe a mellorar a saúde mental e o benestar emocional do paciente.

Humanización dos centros sanitarios

Esta actividade enmárcase na estratexia que vénse desenvolvendo nos últimos anos para humanizar os centros sanitarios baixo o lema “Tratamos enfermidades, Coidamos persoas”. A humanización emerxe coa intención de equilibrar o crecemento tecnolóxico, priorizando os principios do humanismo no acto sanitario. Trátase de humanizar o coidado ao paciente en todo o proceso asistencial, especialmente en situacións críticas e de vulnerabilidade, contemplando tamén “coidar ao que coida”.