Nigrán crea en Praia América o seu primeiro “punto selfie”

O Concello de Nigrán conta desde hoxe en Praia América-Lourido co seu primeiro “punto selfie”, obra do artista René de la Jara, responsable do mercado multicultural que cada ano se sitúa neste areal. As letras foron elaboradas con chapa metálica artesanalmente e teñen unhas dimensións de máis dun metro de altura. De la Jara realizou os pasados veráns tamén de xeito artesanal “peixes traga-plásticos” e recolle-cabichas, ambos artefactos destinados a concienciar aos bañistas de non deixar ningún tipo de lixo neste areal.

“Estamos moi agradecidos a René porque cada ano trae algún agasallo para Praia América dirixido a poñer en valor esta zona e a concienciar sobre o seu bo uso”, explica o alcalde, Juan González, quen confía en que o “punto selfie” sexa este ano unha das imaxes icónicas da praia en redes sociais.