Os alcaldes do Val Miñor denuncian a falta de persoal médico na comarca no verán

Os tres alcaldes do Val Miñor reuníronse con persoal médico e de enfermaría do Centro de Saúde do Val Miñor para apoiar aos profesionais na súa demanda de máis sanitarios durante a tempada estival. Segundo constataron, a atención na comarca resulta xa deficitaria ante o rexeitamento da Xunta a establecer o tradicional “Reforzo de Costa” formado por médico, enfermeira, PSX e, adicionalmente, reforzo do P.A.C.

Precisamente por esta negativa histórica da Xunta pese a ser municipios eminentemente turísticos, o persoal médico e de enfermaría dos tres concellos enviaron o 21 de Xuño un escrito á Xunta asinado por 49 profesionais da área reclamando o habitual reforzo de costa da tempada estival xa que, por vez primeira, a Consellería de Sanidade non o contempla. A isto súmase a non reposición da terceira ambulancia da que sempre dispuxo o Val Miñor, manténdose igualmente en dúas pese ao exponencial incremento da poboación.

“A correcta atención sanitaria da nosa poboación e dos visitantes que recibimos é un dereito avalado constitucionalmente e que está en serio risco. O propio persoal sanitario da comarca está alertando do caos que se aveciña de non rectificar a Xunta. Estamos a falar dun problema para a atención das Urxencias en xeral pero tamén para atender á xente desprazada de fóra”, advirte Juan González, presidente da Mancomunidade do Val Miñor e alcalde de Nigrán, quen xunto a Francisco Ferreira, rexedor de Gondomar, e Carlos Gómez, rexedor de Baiona, reclama unha solución inmediata tendo en conta a gran afluencia que se agarda na comarca xa desde este primeiro fin de semana de Xullo.

“Sabiendo la afluencia masiva que acontece en el período estival en la zona de Val Miñor (Baiona, Gondomar, Panxón y Nigrán) al tratarse de una ubicación con un gran interés turístico, consideramos imprescindible mantener el Refuerzo de Costa compuesto por médico/enfermero/PSX y refuerzo del PAC puesto que, es inviable la atención de la población desplazada con los recursos existentes, agravada por los periodos vacacionales del personal”, denuncian los sanitarios en su escrito. “En resumen, la demanda se triplica en este período y los profesionales que ejercemos nuestra actividad laboral en estos centros no podemos asumir el volumen generado ni nos podemos responsabilizar de ofrecer una adecuada atención”, finaliza.