Comeza a restauración da Virxe da Rocha

Comezan os traballos de rehabilitación da obra insigne de Antonio Palacios en Baiona para avaliar o seu estado de conservación e emendar o desprendemento no manto da Virxe da Rocha producido durante o mes de agosto de 2021. Terán unha duración aproximada de dúas semanas e respectarase o orzamento anunciado inicialmente, 12.500 euros financiados a través do Remanente de tesourería.

Os expertos da empresa de Ingeniería Refuerza xa teñen practicamente instalado as estadas, aínda que finalmente a súa configuración difire sensiblemente á exposta nun principio. Antes de meterse de cheo coa restauración darase prioridade a unha avaliación global para saber cal é o estado de saúde do monumento. Para eles tomaranse unha serie de mostras mediante catas tanto no exterior como na súa cara interna coas que analizarán o grao de impermeabilidade e de infiltración da pedra e en que medida a salinidade afecta os materiais.

Aínda que pareza o contrario as estadas non están colocadas ao revés, os restauradores optaron por esta disposición para poder acceder mellor aos diferentes puntos de mostraxe e sen que sexa necesario rodear a figura pétrea. Os seus cinco pisos de altura discorren pola parte traseira do monumento e para chegar á zona danada os expertos recorrerán a técnicas de descolgamento e a utilización de drons unha vez estean seguros de que a estrutura está en bo estado. En caso contrario optarían por andamiala completamente. Os traballos de campo complementaranse co estudo dos cloruros infiltrados, a confección de informes de patoloxía por corrosión estrutural e outro de restauración onde se establecerán as pautas de mantemento a medio prazo mediante a elaboración dun plan.