A CEMMA detecta a presenza de plásticos nunha quenlla peregrina varada en Oleiros

O pasado sábado 25 detectouse a presenza dunha quenlla de máis de 2 metros na praia de Bastiagueiro (Oleiros), polo que se pechou ao público o acceso ao auga ata que se puido reabrir ao identificar a especie grazas ás fotografías enviadas por Protección Civil de Oleiros. Era unha quenlla peregrina (“momo” en galego), que é unha especie de alimentación filtradora totalmente inofensiva. O animal chegou a varar en Bastiagueiro e despois na próxima praia de Santa Cristina, pero puido ser reintroducido coa participación de socorristas, Protección Civil e voluntarios de Habitat, baixo a coordinación de CEMMA. Nese momento comprobouse que en realidade medía máis de 4 metros. As quenllas peregrinas adultas miden uns 8 metros, sendo a segunda especie de peixe máis grande despois do quenlla balea. En Galicia hai uns 2-3 avisos de avistamentos todos os anos, moitas veces dentro das rías e sobre todo na primavera. A última hora da tarde volveu varar de novo e faleceu.

Na análise interna realizada o domingo polo equipo veterinario de CEMMA destacou a presenza de distintos obxectos plásticos, desde fibras procedentes de artes de pesca degradadas, a un tapón de botella. Algúns deles taponando a válvula espiral, que é un órgano interno que facilita que se aumente a superficie de absorción no reducido tamaño intestinal das quenllas e raias. Esta oclusión foi identificada como causa do enfraquecemento e varamento da quenlla. A presenza de obxectos estraños é habitual nos individuos desta especie, xa que ao ser filtradores calquera obxecto que haxa na columna de auga será inxerida coma se fose alimento. Unha especie máis que é vítima da contaminación por plásticos dos nosos océanos.

“Queremos aproveitar para agradecer a colaboración de Protección Civil e do servizo de socorrismo de praias do Concello de Oleiros, que foi fundamental para a toma de decisións en cada momento”, apunta Alfredo López, de CEMMA.

A rede de varamentos de Galicia conta co apoio da Fundación Biodiversidade, do Ministerio para a Transición Ecolóxica, mediante o proxecto Revargal que é financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), e co apoio da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia.