O restaurante máis pequeno e efémero do mundo está de novo en Baiona

Logo do éxito acadado o pasado ano, o “Restaurante máis pequeno mundo” ponse de novo en funcionamento da man do chef Estrella Michelín Rafa Centeno. Este ano, volverá a contar co apoio de Cervezas Mahou e levará o nome de “Rías Baixas”, despois de que a Deputación Provincial de Pontevedra apostase decididamente por esta iniciativa gastronómica que en 2021 tivo unha importante repercusión a nivel nacional.

O “Restaurante máis pequeno do mundo Rías Baixas”, nace hai un ano no marco do Barbeira Season Fest, un festival que, dende a súa primeira edición hai catro anos, aposta por xerar ao seu arredor contidos orixinais como este que, neste 2022, colle vida propia. No restaurante efémero “Rías Baixas”, cunha soa mesa emprazada nun lugar con vistas ao mar de Baiona, o chef Rafa Centeno servirá a súa carta durante tan só 15 días e a 10 comensais por quenda.

A presentación do “Restaurante máis pequeno do mundo Rías Baixas” será este mércores, 29 de xuño, ás 12:15 horas no Parque da Palma de Baiona (ao carón da Oficina de Turismo). Asistirá a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, o alcalde de Baiona, Carlos Gómez, o chef Rafa Centeno, o Brand Manager de Mahou San Miguel en Galicia, Hugo Pérez, e a produtora executiva de Recados Carmen, Eva Díaz.