Nigrán ofrece este sábado o seu primeiro certame de corais “Ars Canendi”

O Concello de Nigrán ofrece este sábado 2 de Xullo a partir das 19:30 horas na Igrexa de San Fiz (Nigrán) o seu I Certame Internacional de Música Coral “Ars Canendi: As voces no Camiño” despois de dous anos paralizado pola pandemia. Finalmente, participarán neste concurso de música sacra o Coro de Cámara Ainur (Illas Canarias) e as corais Santiago Apóstol (Madrid) e a súa sección xuvenil Coro Encanto.

Ademais dos premios para o primeiro, segundo e terceiro clasificado haberá un premio especial de 500 € á mellor interpretación dunha obra composta para a ocasión, “Ave Maris Stella”, de Javier Fajardo. O xurado estará formado polos prestixiosos directores de coro Nuria Fernández, Joan Company, Javier Fajardo, Javier Domínguez e a mezzosoprano Nuria Lorenzo.

A concelleira de Cultura, Nuria Lorenzo, directora á súa vez do coro Gli Appassionati, quere “converter a Nigrán nun referente nacional e mesmo internacional da música coral de calidade” ao tempo que se propicia o intercambio de estilos, interpretación, educación vocal e diferentes maneiras de entender a música coral.