Alberto Meira asina unha brillante segunda posición nun duro Rallye de Pontevedra

A cita pontevedresa ía supoñer un duro exame para Alberto Meira, Avelino Martínez e o Fabia R5, pois as choivas caídas durante o xoves, venres e a matinal do sábado condicionaban as especiais, que estaban moi delicadas e con moitas sucidades.

Comezando con ganas o venres, Alberto Meira anotábase o scratch no primeiro tramo da proba, avantaxando en tres segundos aos seus rivais próximos e nunhas condicións de moita choiva, que deixaban o asfalto empapado. O sábado foi máis complicado adaptarse á primeira pasada por Meaño, cuxo piso se estaba secando pero que contiña moitas humidades e o equipo cedía a cabeza de carreira, contraatacando cun novo scratch en Cerdedo.

Pero a primeira gran clave da carreira ía estar en Campo Lameiro, onde chegábase co de Vincios a pouco máis dun segundo do liderado. Realizando un bo rexistro na primeira parte da especial para asaltar de novo a primeira praza, unha buxaina daba ao traste coas súas opcións, cedendo case 12 segundos a final da cronometrada.

Sen poder achegarse de novo en tempos ao liderado durante a segunda sección, Meira tomábase con máis calma o resto da proba, sabendo que en 15 días haberá unha nova oportunidade no Rallye Sur do Condado, para terminar esta cita de Pontevedra na segunda posición a pouco máis de 25 segundos do gañador.

O piloto gondomarense comentaba así a súa actuación na cuarta cita do campionato: “Foi un rallye moi difícil, con moitísimas trampas e onde había que improvisar segundo o que che ías atopando en cada curva. Estamos contentos do noso ritmo, pelexamos todo o que puidemos, pero a buxaina en Campo Lameiro, onde se nos apagou o coche e perdemos moito tempo deixounos cunha diferenza moi difícil de recortar e tampouco queriamos arriscar en exceso para non comprometer a seguinte cita do certame”.

O 8 e 9 de xullo o equipo AMF Motorsport acudirá a unha nova contenda polo Campionato Galego de Rallyes na cita de casa, o Rallye Sur do Condado.