Anuncios
Ticker de novas

Baiona e Gondomar apostan polo Plan Revilatiza de compostaxe da Deputación

FOTO: IES AUGA DA LAXE // O composteiro comunitario na contorna do Pavillón Municipal.

O Plan Revitaliza de compostaxe da Deputación implicará a máis da metade da provincia. Pechado xa o prazo da derradeira convocatoria para a adhesión formal ao programa foron sete os últimos concellos que se incorporaron, facendo un total de 36 municipios que apostan pola compostaxe como modelo de xestión de residuos. O compromiso, segundo asegurou hoxe o vicepresidente César Mosquera, é que traten o 75% do lixo orgánico mediante aproveitamentos naturais nun prazo límite de catro anos.

Os concellos que se veñen de incorporar son Gondomar, Illa de Arousa, Lalín, Redondela, Ribadumia, Salceda de Caselas e Sanxenxo. Todos eles, salvo o concello do Deza, xa teñen nestes momentos centros de compostaxe comunitarios da Deputación en funcionamento con moi bos resultados, pero non se adheriran na anterior convocatoria por motivos técnicos, contractuais, políticos e de oportunidade.

Deste xeito, e por comarcas, os concellos definitivamente adheridos ao Plan Revitaliza serán Rodeiro, Silleda e Lalín no Deza Tabeirós; Caldas, Catoira, Cuntis, Valga na comarca de Caldas; no Salnés, O Grove, Cambados, Sanxenxo, Ribadumia, Vilagarcía e Illa de Arousa; na comarca de Pontevedra, a propia capital, Barro, Campo Lameiro e Ponte Caldelas; no Morrazo, Vilaboa, Bueu, Cangas e Moaña; na comarca de Vigo, Soutomaior, O Porriño, Baiona, Redondela, Salceda e Gondomar; no Baixo Miño, Tomiño, Oia, O Rosal e Tui; e no Condado a totalidade dos concellos de As Neves, Mondariz, Mondariz Balneario, Ponteareas e Salvaterra.

O vicepresidente provincial asegurou que cos horizontes temporais que está a traballar a Deputación cumpriranse sobradamente os obxectivos marcados no Plan de Residuos de Galicia, que obrigan aos concellos a tratar o 25% dos orgánicos mediante compost no 2020, e da Unión Europea, que establecen que nese ano hai que preparar para reciclar e recuperar o 50% do lixo urbano.

Segundo Mosquera, neste 2018 implantarán totalmente a compostaxe como modelo de lixo os concellos “punteiros” de Vilaboa, Mondariz, Mondariz Balneario e As Neves, xa que son municipios pequenos que poden instalar os centros de compostaxe comunitarios e repartir os composteiros individuais no prazo de seis ou oito meses.

Pontevedra e O Grove, pola dificultade da aplicación do modelo debido á súa dimensión e características de distribución poboacional, farano en diferentes fases, chegando no caso da capital da provincia a estender o prazo a “dous ou tres anos”. O resto dos municipios adheridos estenderán a compostaxe de xeito progresivo, tendo como límite máximo un prazo de catro anos, incluso os de maior número de habitantes (Vilagarcía ou Redondela).

“O Plan Revitaliza vai indo francamente ben”, asegurou hoxe o vicepresidente Mosquera. “No anterior mandato Louzán puxo en marcha un plan de residuos baseado no modelo de Córdoba. Tiña pouco sustento técnico, pero non nos opuxemos, e non saíu adiante. Non hai provincia no estado coa cantidade de concellos adheridos voluntariamente como o que temos nós, e iso é moi bo”, subliñou.

O vicepresidente tamén aproveitou a oportunidade para lembrar que foi aquel plan de residuos provincial o que levou a Pontevedra a buscar os terreos para a súa planta de compostaxe. “A Deputación pedira ao Concello que buscara os terreos para a planta de compostaxe e o concello buscounos. Logo o concurso provincial quedou deserto e Pontevedra tivo que buscar unha saída propia. O acordo estaba roto e houbo que replantexar”, explicou o nacionalista, que criticou que os ‘populares’ teñan “mala memoria” e critiquen o convenio cos comuneiros da Canicouva para a instalación da planta de compostaxe, que vén daquela época.

A Deputación ten instalados a día de hoxe en 21 concellos 54 centros de compostaxe con 377 unidades modulares que funcionan perfectamente. A institución provincial tamén vai mercar outros tres lotes de diferentes composteiros que distribuirá á marxe dos adquiridos polos concellos: individuais, comunitarios e de terraza ou balcón.

Por outra banda, e para dar reforzo de persoal técnico a todos os municipios, a institución provincial realizará unha terceira convocatoria da ‘Facultade da Compostaxe’, na que se seleccionarán 30 participantes para finalmente contratar a outros 25 mestres ou mestras composteiras.

Anuncios