Baiona 2023 leva o Campionato Galego de J80 organizado polo Ro Yacht Club de Combarro

Con dúas mangas disputadas na segunda xornada do Campionato Galego de J80, finalizaba a cita náutica organizada polo Ro Yacht Club de Marina Combarro, validando na totalidade 5 probas das 6 programadas pola Real Federación Galega de Vela. O novo proxecto deportivo de Javier de la Gándara, Baiona 2023, do Monte Real Club de Yates de Baiona, facíase co triunfo de maneira contundente, deixando no seu haber dous primeiros nas dúas mangas dominicais. Finalmente, o seu taboleiro rexistrou 6 puntos, ao poder eliminar o peor resultado individual ao completarse a cuarta manga.

Segundo foi o Fibra Coruña, de Miguel Fernández Vasco, do Real Club Náutico da Coruña, con dous segundos neste segundo día. Gran actuación do coruñés, que quedou a tan só dous puntos do campión. O posto bronce foi finalmente para o Alboroto, de Juan Carlos Ameneiro, do Monte Real Club de Yates de Baiona, máis irregular nesta recta final cun 3-4, sumando en total 9 puntos, un máis que Fernández Vasco. O premio á mellor tripulación mixta, con dúas ou máis mulleres a bordo, segundo a nova normativa da Clase J80, foi para o Namaste, de Luis de Mira, do Club de Yates de Baiona.

Este segundo día do Campionato Galego de J80 disputouse de novo na Zona 2, por encima da Illa de Tambo. Houbo que esperar un tempo prudencial para que entrase algo de vento, que do mesmo xeito que na xornada do sábado volveu encher a Ría de Pontevedra cun suroeste do 240, con 12 nós.

O Comité da regata tivo que cancelar a celebración da sexta proba debido á entrada dun mercante que tería por paso o centro da canle, polo que os veleiros non poderían competir con folgura ao ter que cumprir a normativa marítima de ceder o paso a un buque con manobra restrinxida. Ademais, a hora límite para poder dar máis saídas aproximábase, que eran as 16.00 horas, polo que tamén complicaba a disputa desa última proba.

“Foi un campionato moi disputado, sobre todo no Top 5 da clasificación. Proba diso é que se tivo que resolverse o último día”, comentaba Javier de la Gándara, Jr., Trimmer de Spi no Baiona 2023. “Este campionato serviunos de adestramento para o europeo da clase que se celebra a próxima semana na Bretaña Francesa”, continuaba explicando. “Boa organización, tanto do Comité na auga como en terra por parte do Ro Yacht Club”, terminaba dicindo o novo regatista vigués.

A entrega de premios celebrouse ás cinco da tarde, contando coa presenza da concelleira de Deportes do Concello de Poio, Marga Caldas; o presidente da Real Federación Galega de Vela, Manuel Villaverde; e o presidente e vicepresidente do Ro Yacht Club, Rolando Andrade e Manuel Cameáns, respectivamente.

Patrocinaron o Excmo. Concello de Poio, Efectos Navales Jesús Betanzos e Galfrío.