Solaina Val Miñor presenta o seu terceiro libro “Un paseo por Baiona”

O grupo de fusión de arte Solaina Val Miñor, composto pola escritora Soledad García, a pintora Laine Villero e a deseñadora Natalia Guisande, dan a coñecer o seu novo traballo “Un Paseo por Baiona”. Trátase dun percorrido por Baiona transformado en conto, cun enfoque ambiental para deixar patente a importancia dos garranos, o único cabalo salvaxe que se conserva en Europa, e que viven desde fai miles de anos na Serra da Groba. Todo envolvido en dar a coñecer Baiona, os seus recunchos, as praias, a serra, as paisaxes de costa, a arquitectura e a súa historia, da man dunha preciosa amizade entre un garrano, un carballo e un boi.

Conta con 84 páxinas a todo cor cunha preciosa escrita poética, divinas ilustracións de Baiona, finalizando con actividades ecuestres e ambientais para toda a familia. Unha vez máis, queda patente o compromiso deste grupo polo fomento da lectura desde a infancia, sumado aos valores de respecto e coidado da natureza na comarca do Val Miñor. Os actos de presentación do libro terán lugar o vindeiro martes 28 de xuño ás 18:00 horas nos xardíns da Casa de Navegación de Baiona.

O Concello de Baiona, que contratou a Solaina para realizar este conto guía, repartiu exemplares aos alumnos de primaria do municipio para que coñezan a riqueza natural, paisaxística e cultural que lle ofrece esta localidade.

Solaina é un grupo de fusión de arte do Val Miñor, composto por tres mulleres, a escritora e poeta Soledad García, a ilustradora Laine Villero e a deseñadora gráfica Natalia Guisande. O seu nome é a unión dos seus tres primeiras sílabas: So-lai-na. Este grupo nace da unión de tres mulleres amigas e nais que buscan fusionar a arte da escrita e a pintura cun compromiso ambiental e de bo facer para potenciar a lectura nos máis pequenos e o respecto e coidado da natureza na súa terra.

O seu primeiro traballo “Dedas” é un álbum ilustrado evolutivo, didáctico e inclusivo para nenas e nenos de 1 a 6 anos. Despois publicaron a segunda parte “Un paseo por Nigrán (Costa)”, onde o personaxe principal de Dedas, unha serea, vén de paseo a coñecer Nigrán. Un traballo turístico excelente con conciencia ambiental.