Sin categoría

O PP de Gondomar critica a Paco Ferreira pola perda doutra subvención

A Deputación Provincial de Pontevedra comunicou o pasado mes de outubro ao Concello de Gondomar a revogación da subvención concedida no marco do Plan Concellos 2017, por un importe de 66.933,30 € para o financiamento das obras da pasarela peonil na contorna do Mercado de Abastos sobre o río Zamáns, así como a perda total do dereito ao seu cobro. Deste xeito o Concello deberá facer fronte ao custo desta obra con fondos propios.

No mes de decembro do ano pasado o Partido Popular denunciou tanto que o Concello non estaba cumprindo cos prazos de execución desta obra, como que as mesmas foran xustificadas sen estar rematadas. Daquela tamén fixo constar a caducidade do permiso de Augas de Galicia. A pesar de ter coñecemento destas anomalías o alcalde fixo caso omiso e seguiu adiante co expediente, en troques de negociar un aprazamento coas administracións implicadas. “Este desinterese de Paco Ferreira trae agora estas consecuencias, a perda de investimentos doutras administracións no Concello de Gondomar. O alcalde fai caso omiso das nosas denuncias e as consecuencias as pagamos todos os veciños de Gondomar”, argumenta Paula Bouzós.

Esta perda vén a sumarse a outras das que o PP gondomareño vén tendo coñecemento, a pesar dos atrancos que o alcalde pon no acceso aos expedientes, complicándolles cada vez máis o acceso aos mesmos, ata o punto de ter que intermediar a Valedora do Pobo para facer valer os seus dereitos de acceso á información como concelleiros da Corporación Municipal. En días pasados tamén foron sabedores da perda doutra subvención por parte de Agader, ou dos máis de tres millóns de euros de investimento en saneamento que se perderon na lexislatura pasada aos que hai que sumar máis de 600.000 € en concepto de indemnización aos que agora o Concello deberá facer fronte, despois de que os tribunais dera a razón a Augas e Galicia.

“Non é lóxico que se perdan tantas subvencións, aparte das que non nos conceden por non solicitalas, co goberno máis caro e con máis dedicacións que tivo nunca Gondomar. Non están repercutindo os soldos en máis investimentos para o noso pobo, máis ben todo o contrario”, remata dicindo Paula Bouzós, voceira do Partido Popular de Gondomar.