Podemos Nigrán solicita un gasto ecuánime nos festexos patronais das parroquias do municipio

Podemos Nigrán celebra a decisión do Concello de Nigrán de facerse cargo da organización dos festexos patronais da Parroquia de Panxón, ao non ser posible a formación dunha comisión de festas. Consideran moi positivo que non desaparezan este tipo de tradicións, nas que se fomentan os encontros entre a veciñanza e familiares.

Por iso, solicitan ao Concello que da mesma maneira que se involucran na celebración das festas desta parroquia, fágano con outras parroquias que non contan cunha comisión de festas. O grupo político opina que o gasto público debería ser equitativo para todas as parroquias, de non ser así se estaría postergando a algúns núcleos de poboación.

Así mesmo, queren lembrar ao Concello a necesidade de realizar eventos inclusivos, polo que instan que se reconsidere a utilización de pirotecnia insonora, tomando en consideración ás persoas con sensibilidade auditiva, especialmente a infancia, así como os animais. De non ser así, recalcan a importancia de advertir á veciñanza do horario exacto do lanzamento destes artefactos, co fin de que as familias poidan anticiparse.