Baiona prepárase para a celebración do Corpus Christi

Baiona prepara con ilusión a celebración do Corpus Christi que se celebra este domingo 19 de xuño. O Alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, achegouse aos lugares onde estanse facendo os labores previos de esfollado, para saudar aos veciños e veciñas voluntarias que o domingo engalanarán cos seus traballos as rúas do casco histórico de Baiona. Tras os traballos de recollida e preparación da flor, a confección comezará a véspera da procesión a partir das 22:00 horas do sábado 18 de xuño, cando se pecharán ao tráfico todas as zonas sinaladas para que os veciños e veciñas poidan traballar toda a noite.

O Concello de Baiona e a Asociación de Comerciantes e Empresarios (Aceba) convocaron o tradicional certame de alfombras florais do Corpus, que adornarán o percorrido da procesión, que sairá o domingo tras a Misa de 12:00, e realizará o percorrido habitual polas rúas engalanadas a noite anterior. A comitiva discorrerá por Manuel Valverde, Conde, Ventura Misa, Lorenzo de la Carrera, San Lorenzo e San Juan, ata chegar á Praza de Santa Liberata onde se bailará a tradicional “Danza das Espadas”. A Agrupación Musical Lira de San Miguel de Oia acompañará coa súa música durante toda a procesión e o baile da danza.

O Corpus foi sempre un Día Grande para Baiona. Xa os seus antepasados engalanaban as súas rúas con plantas, flores e todo aquilo que contribuíse a decorar o traxecto polo que discorría a procesión. Desde entón numerosas persoas danse cita para confeccionar as alfombras florais. O traballo é laborioso pero grazas á dispoñibilidade de moitos veciños e asociacións do municipio, que varios meses antes comezan a recoller as plantas e flores como o caravel, rosa, mirto, talos,… para proceder a esfollar e para realizar unha paleta vexetal de cores que enchen caixas e caixas.

Estas caixas servirán para posteriormente encher os debuxos que se deseñan polas rúas do casco e que durante a noite deste sábado procederanse a decorar. Esta noite reúnense centos de veciños e veciñas para participar neste arduo labor. O Alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, destaca “o gran labor altruísta levado a cabo polos veciños e veciñas de Baiona que co seu traballo volverán cubrir de beleza e flores as rúas empedradas do casco histórico baionés, permitindo a todos e todas gozar desta bonita tradición”.