O arroaz “Íxaro”, 22 anos de convivencia

A presenza regular de arroaces ao longo de toda a costa galega permite ir ano a ano engadindo novos rexistros e novos exemplares ao banco fotográfico de fotoidentificación de Galicia que dende os anos 90 foi elaborando CEMMA. Hai individuos que só foron vistos unha vez, e outros que son vellos coñecidos e foron acompañándonos ao longo destas últimas décadas de investigación. Un deles é IX14: “ÍXARO” para os que o coñecen ben.

Primeira identificación

No ano 2000 foi recollida unha imaxe súa en Punta Balea, Cangas, e foi xa identificado como macho adulto dado o marcado da súa aleta. Dende aquel primeiro avistamento, foi visto con regularidade en anos posteriores tanto na ría de Vigo, na de Pontevedra e na de Arousa.

Aínda que nunca se obtivo unha proba fotográfica desta identificación do sexo, que só sería posible nunha fotografía ventral nalgún salto, a evolución da súa aleta dorsal nos anos posteriores confirmouna. Polo tanto, e tendo en conta a idade de madurez sexual nos arroaces, ÍXARO ten como mínimo 32 anos, aínda que poderían ser máis.

Hai 3 anos que deu o salto á Coruña, aínda que, como soe pasar cos machos de moita idade, case sempre é visto en solitario. A súa presenza na costa de Dexo en Oleiros, e na ría de Cedeira pode comprobarse cada pouco; ademais das fotos recibidas, o seu branco estandarte, a súa peculiar aleta dorsal, o delata. “Vin un arroaz coa aleta branca”, din os mariñeiros ou paseantes da costa.

Para qué serve a fotoidentificación?

O seguemento de fotoidentificación levado a cabo por CEMMA dende hai vintecinco anos desvelou o comportamento dos arroaces relativo ao seus movementos, residencia local, asociacións entre individuos e mesmo desprazamentos a longo prazo.

Aínda que os movementos entre Rías son os máis habituais, rexistráronse movementos máis pequenos de 200 a 600 km ida e volta, ou mesoescala como por exemplo de ida e volta nunhas semanas de Vigo á mariña lucense. E tamén grazas á colaboración con entidades ou centros de investigación doutras áreas, comprobáronse movementos de máis de 1.000 km ou de macroescala, entre Galicia e Euskadi, ou cara o sur, de ida e volta, ao Algarve ou o Sado en Portugal.

Ao levar a cabo este traballo nas catro Rías do sur, e a colaboración con Cruz Vermella de Coruña para poder cubrir Coruña e Ares, recóllense datos que axudan a comprender mellor os movementos poboacionais, pero tamén a desvelar pequenas historias como a do reinado de ÍXARO.