Eva Mejuto e Bea Gregores, protagonistas da IV Xornada Poética do CPI Cova Terreña

Os alumnos e as alumnas de sexto de educación primaria do CPI de Cova Terreña organizaron este martes a IV Xornada Poética “Cando leo… soño versos”. Nesta ocasión contaron coa presenza da escritora Eva Mejuto e a ilustradora Bea Gregores, autoras do libro que se presentou durante o evento, a obra “Cando leo”.

Con elas descubriron que se coñeceron sendo mestra e alumna no Máster Libro Ilustrado e Animación Audiovisual da Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo. Eva tivo moi claro dende o principio que ía esperar a que esa alumna rematase o Máster para propoñerlle traballar xuntas, e así o fixeron ao publicar o álbum testemuño “As lavandeiras de San Simón”.

As intervencións das invitadas especiais fixeron fincapé na importancia da lectura, do que nos fai sentir, do poder que teñen as palabras e as imaxes xuntas na páxina dun libro. Eva relatou que foi durante o confinamento cando sentiu a necesidade de crear unha obra que reflectise eses sentimentos e tiña claro que a quería facer con Bea. Así naceu “Cando leo”.

O alumnado, pola súa banda, intentou transmitir todo cando aprenderon sobre as autoras coas súas investigacións e sorprendéronas facendo referencias aos seus gustos e afeccións. Aplaudiron con Eva os 20 anos da súa obra “A casa da mosca chosca”, déronlle os parabéns a Bea polo seu recén nacido: “As mulleres que cultivaban néboas”. Sobre todo agradeceron que as dúas se dedicasen a crear libros axeitados para eles nos que se traten temas serios, cos que aprender sobre o noso pasado histórico e cos que reflexionar sobre a realidade do que acontece na sociedade.

Os poemas que elaboraron e recitaron ao longo do acto, inspirados no libro que se presentaba, amosaban unhas reflexións moi interesantes sobre o importante que para eles/as son os libros, a lectura. A Xornada Poética rematou cunha homenaxe dos alumnos e as alumnas, envolta en versos e coa música dunha compañeira, tocando a gaita, do que para eles e elas significou ter a “Cando leo” coma un bo compañeiro de pupitre.