Nigrán ofrece clases de español gratuítas aos ucraínos acollidos no municipio

O Concello de Nigrán, nun paso máis para integrar aos ucraínos acollidos en familias do municipio, vén de organizar un curso gratuíto de español ex profeso para eles. Este consta de 24 horas de duración distribuídas en dúas sesións semanais no Centro da Terceira Idade de A Ramallosa e corren a cargo de Laura Rodríguez Salgado, doutora en Lingüística Aplicada e máster en profesorado contratada polo Concello. En total, Nigrán conta cunha vintena de refuxiados empadroados na localidade desde inicios do conflito, a gran maioría deles mulleres a cargo do seus fillos (os homes quedaron a loitar no seu país) e sen ningunha noción previa de español, polo que este curso resulta especialmente importante para a súa integración.

“O nivel que teñen é moi baixiño, así que estoulles ensinando os números, as partes do corpo, etc… Un vocabulario mínimo que lles permita sentirse máis tranquilas no seu día a día”, explica a profesora. Entre os que acoden Laura diferenza aos nenos que van ao colexio dos adultos: “os pequenos avanzan moi rapidamente porque están integrados na escola, os adultos é diferente”, recoñece. Así, o perfil que está a acudir é o de muller a cargo dos seus fillos. “Temos nenos de 9 a 14 anos, unha avoa coa súa filla e neta, unha parella…”, estes últimos teletraballan aínda a distancia con Ucraína, o resto están sen emprego. “Aínda que non saben canto tempo van a botar en España o seu grado de motivación é moi alto porque verdadeiramente o precisan incluso para desenvolverse coas familias de acollida”, comenta Laura. Así, o obxectivo final do curso é que os ucraínos finalicen con competencias comunicativas fundamentais (especialmente expresión e comprensión oral), así como favorecer a comprensión dos valores e costumes que configuran o noso marco de convivencia.

O Concello de Nigrán colaborou desde o inicio cos refuxiados que chegaron ao municipio, ben ofrecendo alimentos a través do Banco Municipal ou ben asesorando desde os Servizos Sociais para matricular aos rapaces en centros educativos ou para poder ir ao médico. Ademais, o Concello facilitou a todos os refuxiados a posibilidade de acudir gratuitamente ás actividades deportivas e culturais municipais, feito que a maioría deles aproveitou.

“Demandamos á Xunta que puxese a súa disposición a Residencia de Tempo Libre de Patos e accederon, pero finalmente non se está a empregar con este fin non sabemos porqué. Así que agradecemos enormemente á solidariedade das familias de Nigrán e colaboramos con eles en todo o preciso”, resume o alcalde, Juan González.