Baiona mellorará o acceso entre os edificios de infantil e primaria do CPI Cova Terreña

O Concello de Baiona conseguiu unha subvención para mellorar o viario de acceso entre o edificio que alberga as aulas de educación infantil co resto de infraestruturas que conforman o Colexio de Cova Terreña, entre as que se atopa o edificio dedicado á educación primaria e secundaria así como o pavillón de deportes e o patio.

A intervención consistirá no formigonado do viario interior existente entre as infraestruturas. Nestas obras incluíronse as actuacións encamiñadas á mellora do acceso entre as construcións.

Tamén se paliarán as deficiencias que presentan as pistas deportivas, realizaranse arranxos nas pistas multideportivas exteriores anexas ao pavillón cuberto do colexio. Realizaranse traballos de mellora no firme e na superficie, realizando unha intervención en formigón puído. Así mesmo, dotaranse as instalacións de novos equipamentos deportivos tales como canastras e porterías.

O Alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, destaca que “con estas obras de mellora non só liquidamos outra das débedas que tiñamos pendente co Colexio de Cova Terreña senón tamén cos nenos e nenas que acoden a formarse a este colexio baionés”.

A Lei de Administración Local establece que o Concello non asumirá actuacións que excedan as de mantemento e conservación dos colexios. Aínda así, a subvención conseguida polo Concello á Xunta de Galicia cubrirá o 70% da actuación total, 39.941,04 euros, polo que o Concello de Baiona fará fronte a uns 12.000 euros para que as instalacións do colexio renóvense.