Os Xigantes e Cabezudos e as tradicionais cucañas marítimas volven a Baiona

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Os xigantes e cabezudos.

Existe unha celebración referente do verán de Baiona e esa cita ineludible é a festa na honra da Virxe da Anunciada, que se celebrará o 5, 6 e 7 de agosto. O Concello iniciou os preparativos para celebrar unha das festas máis esperadas na Vila. Por este motivo a Concellería de Cultura informa de que ata o 3 de agosto estará aberto o período de inscricións para poder participar nas tradicionais cucañas marítimas e na comparsa de Xigantes e Cabezudos, enmarcadas dentro do programa Baiverán 2022.

As cucañas marítimas de Baiona organízanse anualmente o primeiro domingo do mes de agosto, dentro da programación da Festa da Anunciada, pero levaban sen celebrarse dous anos por culpa da pandemia. Este ano o domingo coincide no día 7 de agosto, e o porto pesqueiro acollerá estas tradicionais actividades baionesas a partir das 17:00 horas. Poderá participar calquera persoa maior de idade e os maiores de 12 anos con autorización. Establécense dous premios: bandeira normal (10 euros) e bandeira especial (20 euros).

Por outra banda, tamén volve ás rúas da Vila tras dous anos de ausencia, a comparsa de Xigantes e Cabezudos. Abriuse o prazo para inscribirse nesta, tamén tradicional, comparsa baionesa que desfilará polas rúas do Casco Histórico o sábado 6 e o domingo 7 de agosto. Neste caso tamén poderán participar os maiores de 12 anos.

A comparsa de Xigantes e Cabezudos estará composta por dez cabezudos (A Ratiña, Popeye, Diaño, Napoleón, Negro, Negra, Pallaso cabeza grande e o Pallaso de cabeza pequena, o Gato cabeza pequena e a Bruxa cabeza pequena) e dous Xigantes (Rei e Raíña), que bailarán ao son da música durante o percorrido polo casco antigo de Baiona. Establécense dous premios, Cabezudo (30 euros) e Xigante (150 euros).

As inscricións formalizaranse por rexistro de entrada no Concello ou a través da sede electrónica na páxina web http://www.baiona.gal. Para calquera dúbida ou consulta poderán dirixirse ao Departamento de Cultura do Concello de Baiona, situado na segunda planta da Casa do Concello ou chamar ao 986385921.