O Turonia GFG proclámase campión da Copa Shield All-Galicia

Este pasado sábado xogouse a final a catro da Copa Shield All-Galicia en Vigo, na que participou o Auriense FG, o Cambados FG, o Keltoi Estibadores e o Turonia GFG. Logo da fase de liguiña na que se enfrontaron todos, o equipo de Gondomar logrou pasar á final invicto para enfrontarse ao Auriense, saíndo de novo vitoriosos.

“Foi unha xornada histórica para o noso club, xa que ademais de non perder ningún dos partidos, revalidamos o título do Shield All-Galicia conseguido o ano pasado na casa. Non podemos estar máis orgullosos dos nosos rapaces, que pelexaron até o final da tempada para conseguir traer de novo o título para Gondomar”, destacan desde o Turonia GFG.

“Con isto, e a boa tempada realizada polas rapazas do noso club na Liga e na fase final da Copa Ibérica, confiamos en afianzar o noso club como referente do fútbol gaélico na comarca do Val Miñor e que a mocidade se interese no noso deporte como alternativa aos maioritarios”, conclúen desde o Turonia GFG.