A Festa da Bicicleta do Val Miñor reúne a preto de 600 persoas

Os tres concellos do Val Miñor volveron pedalear xuntos este domingo para festexar a tradicional “Festa da Bicicleta”, que non se puido celebrar no seu día, o 17 de maio, ante a previsión de choiva. Esta 32ª edición recuperou o formato habitual pre-pandemia tras dous anos sen poder celebrarse conxuntamente. Nesta ocasión a marcha finalizou en Panxón ao corresponderlle a quenda da organización a Nigrán. O obxectivo, un ano máis, que sexa unha xornada festiva en toda a comarca para vivir con familia e amizades ao tempo que se promove o deporte e a socialización como hábitos saudables.

Os primeiros en comezar a ruta foron os 150 ciclistas que se deron cita no Pavillón de Panxón, lugar desde o que iniciaron un percorrido de ida e volta, pasando por Ramallosa, para “recoller” aos 250 veciños de Gondomar na Praza Paradela. De volta a Nigrán, o pelotón de Baiona, que saíu desde a entrada do Parador formado por outros 150 ciclistas, incorporouse na Ramallosa, para pedalear todos xuntos tamén pola costa cara ao Pavillón de Panxón, onde se realizou o sorteo de agasallos e avituallamento.

Cada concello achegou unha bicicleta, 20 cascos e 20 botellas para sortear entre os seus respectivos participantes. No acto estiveron presentes os alcaldes de Baiona e Nigrán, Carlos Gómez e Juan González, e a concelleira de Deportes de Gondomar, Nuria Lameiro.


El pase de diapositivas requiere JavaScript.