Gondomar pon en marcha un punto limpo móbil

O Concello de Gondomar, a través de fondos FEDER da Unión Europea, adquiriu un punto limpo móbil que servirá para a recollida selectiva de diferentes residuos como: envases de fitosanitarios baleiros, aceite de cociña usado, residuos téxtiles, aparatos informáticos e pequenos electrodomésticos, móbiles, envases de plástico contaminados, pilas e acumuladores, CD y DVD, lámpadas leds e tubos fluorescentes ou cartuchos de impresora entre outros.

Trátase dun remolque que se instalará nos puntos neurálxicos das diferentes parroquias nuns horarios e frecuencias que se comunicarán previamente. Nesta primeira fase ademais o Concello realizará diferentes charlas informativas nas que se explicará á veciñanza o correcto uso deste novo servizo.

Segundo manifestou o alcalde Paco Ferreira, “coa posta en marcha deste novo servizo sumado ao punto limpo fixo xa existente, Gondomar ponse á cabeza dos concellos que loitan contra o cambio climático”.

Durante a presentación o rexedor local quixo “convidar a toda a cidadanía a que participen nas charlas informativas que se realizarán nas diferentes parroquias e que servirán para que o uso deste servizo sexa o máis amplo posible, xa que isto supoñerá un incremento no volume de reciclaxe de residuos, tan importante para a conservación do noso medio ambiente”.