O PP vota en contra dunha proposta do PSdeG para mellorar a seguridade viaria e peonil en Gondomar

O PP opúxose este xoves a mellorar a seguridade viaria e peonil en Gondomar. Fíxoo, tras votar en contra dunha proposición non de lei que levou o PSdeG á Comisión de Infraestruturas do Parlamento, onde a vicevoceira socialista Leticia Gallego defendeu a “mellora urxente” das beirarrúas das estradas PO-331 ao seu paso por Vincios e da PO-340 entre Gondomar e Tui.

“A Xunta ten estas dúas estradas totalmente abandonadas” con zonas “en moi mal estado”, mesmo algunhas “intransitables”, e “tramos inexistentes”, denunciou a dirixente socialista, antes de urxir á Xunta que realice “o antes posible” estas obras, cuestión que a veciñanza de Gondomar “leva anos reclamando”.

Ante o deficiente estado das beirarrúas, alertou, as veciñas e veciños “van camiñando pola estrada”, o que “é perigoso” tendo en conta ademais que, no caso da estrada de Vincios, hai un colexio nas inmediacións do viario.

Malia que o goberno municipal de Gondomar tentou en “múltiples ocasións” que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade renovara estas beirarrúas nos seus diferentes tramos e instalase pasos recrecidos e unha adecuada rede semafórica para mellorar a seguridade peonil, a socialista lamentou que a Xunta non deu resposta á petición.

Neste contexto, Gallego pediu ao goberno galego que, antes de que remate o ano, realice a obra de renovación das beirarrúas na PO-340, que une Gondomar e Tui, e na PO-331, no seu tramo pola parroquia de Vincios. Ademais, no caso desta última vía, urxiu a instalación de varios pasos recrecidos e unha rede semafórica que permita a mellora da seguridade peonil.

A estación de autobuses “mete medo”

Noutro orde de cousas, a socialista denunciou que a Xunta ten “abandonada” a estación de autobuses de Gondomar, onde non se realizan labores de limpeza, mantemento e conservación, xa que ademais de “sucia”, “carece de luz” e “mete medo polas noites”. “A titularidade da estación é da Xunta de Galicia”, lembrou Gallego, tras incidir en que debería ser unha prioridade para o Executivo autonómico porque se trata dunha “cuestión de saúde e accesibilidade”.

Reparto discrecional de fondos a concellos do PP

O caso de Gondomar non é illado, lamentou Gallego, quen denunciou o reparto discrecional de fondos públicos a concellos do PP cando a Axencia Galega de Infraestruturas asinou, entre 2019 e 2021, o 97% dos convenios con concellos gobernados polo Partido Popular, unha cifra de investimento que ascendeu ata 14 millóns de euros. “Casualidade”, ironizou.

Fronte a isto, subliñou, só o 2% dos convenios asinados durante este período foron con concellos gobernados polo PSdeG, cun total de 280.000 euros destinados a este fin. “A Xunta ten que traballar para todos os galegos e galegas”, reivindicou a socialista.

“A Xunta non inviste neste concello e a veciñanza está farta de que lles traten de forma diferente á veciñanza doutros concellos”, concluíu a socialista, quen sinalou que “votar en contra desta proposición non de lei é votar en contra dos veciños e veciñas de Gondomar”.