“Os veciños de Baiona e os seus visitantes quedarán definitivamente sen o talaso de Monte do Boi porque o tripartito que xestiona o Concello empéñase en non poñelo a punto para o seu funcionamento”, lamentan desde o PP de Baiona. PSdeG, Bng e Nós votaron en contra no último pleno da moción presentada polo PP na que instaba o goberno local a reactivar este complexo terapéutico único en Galicia de carácter público e gratuíto para os seus usuarios. Para o grupo municipal popular, que leva tres anos demandando ao goberno local a súa posta en marcha, non hai xustificación algunha para privar aos cidadáns de Baiona dunha hidromasaxe natural que gozaba de gran éxito entre o público.
“O talaso atópase nun estado de total abandono pola falta de mantemento do Concello a pesar de que foi construído en 2018 co diñeiro de todos os veciños da provincia de Pontevedra a través do Plan Concellos da Deputación e que logrou en poucos meses o recoñecemento internacional a través de prestixiosos premios como o The Best of Top 100 Destinations de Berlín. É triste, -lamentan desde o PP-, que o anterior goberno popular investise 70.000 euros neste proxecto único en Galicia e que os veciños de Baiona só puidesen utilizalo un verán por culpa do equipo actual que encabeza o socialista Carlos Gómez. Non é certo que o seu mantemento supoña un custo elevado”, afirman.
“Durante os dous últimos anos utilizaron a pandemia como escusa pero con esta moción quedaron en evidencia. Non queren o talaso simplemente porque é un proxecto do PP”, sentencian os concelleiros do grupo popular tras escoitar os argumentos “baleiros” e “incoherentes” do rexedor. “O seu funcionamento durante estes tres anos só necesitaba dunha sinxela instalación”, apostilaron os edís.
“A Carmela Silva non lle importa como e nin en que se gasta o diñeiro dos veciños”
O PP de Baiona xa alertou en setembro de 2020 por escrito á Deputación de Pontevedra desta situación, como responsable do diñeiro co que se pagou a construción, e, tras non recibir resposta algunha, o pasado mes de abril o portavoz do grupo municipal popular e deputado provincial, Ángel Rodal, volveu facelo de forma presencial no pleno do ente provincial mediante un rogo. A súa sorpresa foi que a presidenta, a tamén socialista Carmela Silva, “respondeu altiva e irrespetuosamente ao deputado asegurando que non tiña intención algunha de pedir responsabilidades ao goberno local de Baiona, dirixido polo seu compañeiro de partido, por non manter activo un proxecto pago co diñeiro de todos os pontevedreses”.
“Parécenos unha insensatez a actitude da Sra. Silva e, ao mesmo tempo, créanos unha tremenda preocupación confirmar novamente as sospeitas de que ao PSdG e aos seus representantes impórtalles moi pouco como se utiliza e en que o diñeiro que os cidadáns pagan con moito esforzo a través de impostos”, consideran os populares.

