Manifesto Miñor apoia a mobilización a favor do saneamento nas parroquias de Gondomar

Manifesto Miñor apoia a mobilización a favor do saneamento nas parroquias que convoca o BNG este sábado, día 21, ás 11:30 horas diante do Concello en Gondomar.

“En 2008 sendo alcalde Antonio Araújo demostrou que sempre se deben priorizar as necesidades reais da veciñanza do Concello, é dicir, o interese xeral, fronte aos intereses partidarios ou persoais do goberno de quenda. No que vai de mandato o Sr. Ferreira non fixo outra cousa que ignorar as necesidades básicas das parroquias: saneamento, auga pública, ordenación do territorio (PXOM), etc , e por iso a día de hoxe é máis necesario que nunca reivindicar as políticas do necesario fronte as políticas do bonito e da propaganda que practica o Sr. Ferreira”, sinalan desde Manifesto Miñor.

“En 2008 foi posible xestionar nun tempo récord, incluso telematicamente e cun goberno en minoría e con cero dedicacións exclusivas, os case tres millóns de euros do Plan E do Presidente Zapatero que foron investidos nun 90% en saneamento nas parroquias, e alí onde o movemento veciñal o propuxo. A maiores, contratouse toda a obra que legalmente se puido con empresas de Gondomar”, recorda Antonio Araújo.

“É coñecido en todo Gondomar o discurso do Sr. Ferreira segundo o cal ‘aquilo que vai soterrado non dá votos’, como proba está o saneamento do Barrio da Pedra en Morgadáns, que nin aprobándoo o Pleno nin levándoo aos tribunais, o proxecto segue durmindo nos caixóns da Alcaldía. Por iso entendemos que neste momento é máis necesaria que nunca a mobilización masiva da veciñanza das parroquias para conseguirmos que o goberno municipal cambie de criterio á hora de investir os cartos públicos en obras e servizos que axuden a mellorar a calidade de vida da veciñanza que vivimos nas parroquias”, conclúe Araújo.