O Barbeira Season Fest descubre o seu cartaz por días

A organización do Barbeira Season Fest, que se celebrará en Baiona entre o 31 de agosto e o 4 de setembro, deulle forma ao crebacabezas e descobren o seu cartaz por días. Máis de 25 grupos subirán, de mércores a domingo, aos distintos escenarios do festival.

Deste xeito, adiantan que o mércores 31 haberá xa “movemento Barbeira” en Baiona cunha presentación por todo o alto do festival con grupos sorpresa. O xoves día 1 comezará a notarse xa toda a potencia do cartaz desta edición con León Benavente, Carolina Durante, Bala, Anabel Lee e Señora DJ. O venres día 2, o prato forte será o Concierto Vibra Mahou que traerá a un novo cabeza de cartaz aínda por desvelar, e que subirá ao escenario no que tamén estarán La Habitación Roja, Morreo, Diamante Negro, Emilia, Pardo y Bazán y DJ Moderno.

Para o sábado 3, a organización programou un dos cartaces máis completos con Zahara, Maika Makovski, a portuguesa Capicúa e as bandas emerxentes, Cora Yako, Miniño, Estrella Fugaz, Tú peleas como una vaca, Marta Movidas, DJ Moderno e EME DJ.

O domingo día 4, para pechar esta edición, a organización ten previsto unha mañá emocionante coa “Romaría Punk by Rei Zentolo” e a actuación dun grupo galego que, segundo din, “preferimos manter en segredo”.

O festival contará unha vez máis co apoio de Vibra Mahou, a plataforma de música de Mahou Cinco Estrellas que crea encontros en torno ao directo.

Prezos rebaixados

Agora que o público xa coñece o cartaz por días do festival, pode mercar na súa web as entradas por xornada, a 25 euros, ou o abono para desfrutar da “experiencia Barbeira” na súa totalidade (40 euros). A organización decidiu manter estes prezos antes de subilos nun prazo curto de tempo. Ademais, todas as persoas usuarias do Carné Xove poderán mercar as entradas ao Barbeira Season Fest cun 15% de desconto.

O Barbeira Season Fest conta, polo de agora, coa colaboración da Concellería de Cultura do Concello de Baiona e Mahou.