UCN denuncia que Nigrán pode perder subvencións da Xunta por non render contas en 2016

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Pleno de Nigrán.

O partido independente Unión Centrista de Nigrán (UCN), por medio do seu portavoz Antonio Fernández Comesaña, pide publicamente explicacións ao alcalde Juan González polo bloqueo de todas as subvencións da Xunta como consecuencia da falta de rendición ante o Consello de Contas da Conta Xeral, correspondente ao exercicio económico 2016, e as razóns que orixinou o grave incumprimento por parte do Concello e as gravísimas consecuencias que supón para as arcas municipais, o bloqueo e posible perda de todas as subvencións da Xunta para o actual exercicio económico, “circunstancia xa advertida polo noso grupo e que por desgraza o tempo vén darnos a razón”.

UCN lamenta doutra banda o atraso e demora na aprobación da liquidación do exercicio 2016, xa que foi aprobada por resolución de alcaldía do pasado 11 de agosto, acumulando un considerable atraso, en relación co disposto no art. 191.3 do Real Decreto Lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, no que establece “que as Entidades Locais deberán confeccionar a liquidación do seu orzamento antes do 1 de marzo”, e remitilo á Xunta e Ministerio de Facenda, antes do 31 do mesmo mes (art.193.5), do citado texto legal, ambos os dous prazos incumpridos amplamente.

Lembra UCN, que a aprobación da Conta Xeral produciuse no Pleno do 30 de novembro de 2017, incumprindo así o prazo fixado na citada Lei de Facendas Locais, que establece a súa aprobación antes do día 1º de Outubro, polo que o prazo de rendición ante o Consello de Contas para a súa fiscalización, foi tamén superado.

Igualmente establece o órgano de Fiscalización que a presentación das contas fóra de prazo por parte dos Concellos, teñen a consideración para o Tribunal de Contas, como non presentadas, para maior gravidade.

Fernández Comesaña, considera un feito extremadamente grave a falta de cumprimento nas obrigacións por parte do Concello, e que puidese derivar na perda de máis de 350.000€ en subvencións pola Xunta -cantidade percibida durante o pasado ano 2016-, sen contar cos preto de 600.000€ procedentes do Fondo de Cooperación Local, que igualmente tamén poderían estar en risco, “podendo orixinar un grave desequilibrio económico no orzamento de 2018 -pendente aínda da súa aprobación-, así como un prexuízo para os veciños”, conclúe o portavoz independente.