Persoas con discapacidade de Gondomar fórmanse como mozo de almacén

A Confederación Galega de Persoas con Discapacidade iniciou nas instalacións que ten en Vigo (rúa Teixugueiras, nº15, baixo) un curso de Almacén e carretilla no que se están a formar 15 persoas con certificado de discapacidade ou con certificado de incapacidade laboral para a profesión habitual.

Cofinanciado por Fundación “la Caixa” e o Fondo Social Europeo, este curso forma parte do programa de inserción laboral “Máis Emprego”, dirixido a persoas con discapacidade e/ou con incapacidade laboral empadroadas na provincia de Pontevedra e con idades comprendidas entre os 18 e os 62 anos.

Co fin de favorecer o acceso ao mercado laboral por vez primeira ou de realizar unha reciclaxe, esta formación conta cunha duración de 120 horas, das que 50 horas serán impartidas en clases teóricas e 70 horas serán realizadas como prácticas en empresas.

O alumnado, 4 mulleres e 11 homes, proceden dos concellos de Vigo, Gondomar, Tomiño, Salvaterra e A Guarda, e comprenden idades de entre 35 e os 57 anos. Realizarán unha formación básica de almacén e ofimática relacionada coa xestión do almacén e poderán obter o carné de carretilla segundo a normativa UNE 2016.

Para rematar, a formación práctica vai ser realizada en empresas da súa zona de residencia habitual, de cara a facilitar o contacto directo co tecido empresarial da zona para facilitar unha pronta inserción.