A Garda Civil desactiva dous puntos de venda de droga en Nigrán e Baiona

A Garda Civil detivo a dous veciños de Nigrán e Baiona como supostos autores dun delito de tráfico de drogas e desactivou dous puntos de venda de substancias estupefacientes nestas dúas localidades.

Con esta operación incautáronse algo máis de 80 doses de heroína, unha importante cantidade de pastillas de metadona e outros estupefacientes como cocaína, haxix e marihuana, ademais de diñeiro en efectivo e básculas de precisión.

As investigacións iniciáronse o mes de novembro do pasado ano, cando os efectivos do Posto Principal da Garda Civil de Baiona-Nigrán teñen sospeitas da afluencia de consumidores habituais de drogas nunha zona próxima ao centro urbano de Nigrán.

Por mor das investigacións realizadas, localizouse a vivenda do presunto distribuidor, un home de 49 anos, que foi detido a pasada fin de semana como presunto autor dun delito contra a saúde pública, por tráfico de drogas. No rexistro que se fixo no seu domicilio interviñéronse 85 doses de heroína, dispostas para a súa venda, 331 pastillas de metadona, diversas doses de cocaína, pequenas cantidades de haxix e marihuana, ademais de dúas básculas de precisión.

Tamén se interviñeron 665€ en billetes fraccionados, varios teléfonos móbiles, recortes de bolsas plásticas para preparar os envoltorios das doses, armas brancas e unha carabina de aire comprimido.

A operación concluíu coa detención doutro veciño de Baiona, de 54 anos, que colaboraba na distribución e venda dos estupefacientes nesta localidade.

Os detidos, xunto coa droga e demais efectos intervidos, foron postos ao dispor do Xulgado de Instrución número 6 de Vigo, que decretou a súa liberdade con cargos.