
O Pleno de Gondomar celebrado o pasado xoves aprobou por unanimidade as dúas mocións presentadas polo Grupo Municipal de Manifesto Miñor-En Marea. A primeira foi o acordo para sacar con urxencia a concurso público a factura eléctrica municipal, e a segunda a de apoiar á Casa de Galicia de Montevideo, que nestes momentos está a ser desmantelada por mor dunha mala xestión que para miles de galegos e miñoráns de Montevideo resulta incompresible.
A “Casa de Galicia de Montevideo” é un institución fundada en 1917 por emigrantes galegos que, entre outras funcións tivo e segue a ter, a de mirar pola saúde de cantos galegos chegaban ou vivían en Montevideo. Trátase dunha entidade referencial en toda América Latina que conta con máis de 40 mil socios e mutualistas dándolle tamén cobertura sanitaria a moitos cidadáns sen necesidade de ter orixes galegas.
A día de hoxe, e por mor dunha deficiente xestión, a “Casa de Galicia” ten contraída unha débeda de aproximadamente 2 millóns de euros e vai cara á súa desaparición ou privatización despois de que a Xustiza Uruguaia decretase o seu peche a finais de 2021. “Custa entender como unha institución centenaria con fortes raigames na colectividade galega de Montevideo e moi prestixiada en todo o País, unha institución con grande vocación de servizo público e social, puido chegar a esta situación”, sinala Antonio Araújo.
Para Manifesto Miñor, a xudicialización do problema con tanta celeridade ten toda a aparencia de agochar outro tipo de intereses que con toda probabilidade buscan a privatización da “Casa de Galicia”. “A estratexia é moi simple e aquí coñecémola ben: primeiro déixase deteriorar a entidade pública en cuestión para despois ter que ser rescatada ou salvada por un fondo voitre, un banco, etc, obviamente, coas correspondentes comisións ou favores políticos, etc”.
“Resulta incomprensible que cun censo de máis de 40 mil socios e mutualistas coas súas correspondentes cotas mensuais, a maiores do patrimonio propio da entidade, cando menos, non dea para establecer un plan de pagos e ir amortizando as débedas mentres se buscan solucións que preserven o carácter de entidade pública e social da Casa de Galicia de Montevideo”, engade Araújo.
Manifesto Miñor considera que todas as Institucións de Galicia teñen que arrimar o ombreiro neste momento. En primeiro lugar recoñecendo a gravidade do problema e coñecendo os porqués que a levaron a esta situación, e en segundo lugar negociando os avais ou as achegas necesarias para evitar a desaparición desta institución centenaria e de utilidade para miles de galegos ou seus descendentes que aínda viven en Montevideo.
Coa aprobación da moción a Corporación Municipal de Gondomar mostra a súa solidariedade con todos os socios e mutualistas da “Casa de Galicia de Montevideo”, así como o seu apoio a quen neste momento representa seus intereses a través da “Asociación Casa de Galicia, Centro Histórico-Cultural”, de cuxa xunta directiva forma parte a veciña Mª Carmen Fernández Salgueiro.
Así mesmo, demandan do Goberno Galego a súa intervención urxente co obxecto de paralizar a privatización e/ou desaparición da “Casa de Galicia de Montevideo” realizando as xestións necesarias de todo tipo que permitan o seu rescate como entidade de interese público e social, e solicitan do Parlamento Galego, a maiores da declaración xa feita, a constitución dunha comisión ou grupo de traballo que investigue e aclare o acontecido coa xestión da “Casa de Galicia de Montevideo”, dado que, como entidade galega histórica e relevante ao longo dos últimos anos recibiu vía convenios de colaboración, etc, cantidades importantes de cartos públicos concedidos polo Goberno Galego.