Denuncian o deixamento da Xunta nas medidas preventivas contra os incendios

Co verán á volta da esquina, o risco de incendios nos montes acentúase por momentos, mentres os brigadistas fixos descontinuos chamados a filas pola Xunta prepáranse para entrar ao servizo o 18 de maio, pero non sen antes advertir das deficiencias na actual política de prevención e extinción establecida pola Administración autonómica. Aseguran que o desperdicio de recursos físicos e materiais é unha constante e que seis meses de traballo ao ano non son suficientes para manter o lume baixo control. Inciden na prevención e consideran que necesitarían un mínimo de nove para poder limpar os montes na época de pouco risco.

Tres veráns de choiva, un inverno moi seco e unhas previsións que seguen esta liña son suficientes para favorecer ao crecemento da biomasa forestal que no caso de que chegue a producirse o desastre alimentaría aínda máis o lume. Unha das cuadrillas de brigadistas “en precario” que se incorporará ao servizo o próximo 18 de maio acompañada do presidente dos comuneiros, Latino Rodríguez, advertiron desde os montes de Borreiros, Gondomar, dos riscos que supón manter unha dinámica onde non se respectan os primeiros 60 días para prevención e que parte habitualmente con persoais incompletos.

O exemplo máis claro é que o xefe deste grupo de traballadores estará en poucos días de baixa por maternidade sen que se asigne un substituto. Ademais durante a rolda de prensa celebrada o xoves, Rodríguez, en calidade de representante da Organización Galega de Comunidades de Montes, aproveitou para denunciar que este ano non se convocaron as subvencións da Consellería para cofinanciar as tarefas de rozas levadas a cabo polas entidades forestais.

Con este punto de partida é inevitable que se lles veña á cabeza os antecedentes de outubro de 2017. Xan Lois Cabreira, un dos bombeiros “en precario” do distrito 18 que actúa desde Fornelos de Montes ata A Guarda, insiste en que o cambio de dinámica é fundamental para atallar incendios potenciais, e cualifica de paradoxal que “se destinen centos de miles de euros á extinción todos os anos no canto de traballar máis tempo na limpeza dos montes”.