Seaga comeza a limpeza das leiras próximas aos núcleos de poboación en Gondomar

A empresa pública Seaga comezou esta semana a realizar a limpeza nas redes secundarias das faixas de xestión de biomasa. Esta empresa comezou os traballos na parroquia de Vilaza e os veciños atoparon aos empregados forestais limpando as súas leiras sen que antes se lles comunicara nada ao respecto. Os veciños manifestan que ninguén lles comunicou nin se publicaron avisos de que se ían realizar estes traballos á súa conta. Nos vindeiros días comezarán a traballar nas zonas de Vincios, Couso e Chaín para despois seguir polo resto das parroquias, segundo puido saber Paula Bouzós.

Dende o Concello aseguran que se comunicou este feito a todos os propietarios, e a aqueles aos que o Concello non deu localizado, publicaron no DOG do 9 de novembro do 2021 o listado de leiras afectadas con propietario descoñecido o cal poden consultar no seguinte enlace.
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20211109/AnuncioL221-141021-0001_gl.html

“Os veciños quéixanse de que si lle chegaban os recibos para pagar o IBI por que non lles chegaron as comunicacións da obriga de limpar as franxas afectadas. Agora teñen que facer fronte ao pago da limpeza e a correspondente sanción que pode chegar ata os mil euros por leira”, explica Paula Bouzós.

Para o Partido Popular de Gondomar o Concello ben puido comunicar e anunciar que a empresa pública Seaga ía comezar con estas limpezas, avisando das consecuencias derivadas de non limpar estas zonas. A voceira do PP gondomareño manifesta que “non costa nada poñer uns bandos nas parroquias avisando deste feito, tendo en conta que nas parroquias hai centros culturais, asociacións de veciños e comunidades de montes que podían avisar aos veciños, pero xa sabemos que a este goberno municipal as parroquias e os seus veciños pouco lle importan”.

O Plan Municipal de Prevención e Defensa contra os incendios forestais de Gondomar, foi aprobado polo concelleiro de Medio Ambiente do Concello de Gondomar Brais Misa o pasado 1 de xuño de 2020 e publicado no BOP o 16 do mesmo mes. Neste Plan Municipal e segundo o previsto na Lei 3/2007 de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, recóllese a obrigatoriedade de manter limpas as franxas de 50 metros desde o perímetro dos solos urbanos, núcleos rurais e dende calquera vivenda. Tamén recolle a obrigatoriedade do Concello de manter limpas de biomasa as súas propiedades e as zonas de dominio público das estradas da súa titularidade.

O Partido Popular quere poñer en aviso a todos os veciños que teñan leiras nas franxas de 50 metros desde o perímetro dos solos urbanos, núcleos rurais e dende calquera vivenda para que manteñan a súa parcela limpa, xa que en caso contrario será o Seaga quen o faga pasando despois os custos aos propietarios e arriscándose a posible sanción que pode chegar ata os mil euros. Recordan que nestas franxas non pode haber piñeiros, eucaliptos, acacias, xestas, carqueixas, fentos altos, silvas ou toxos, entre outras malezas.