Sin categoría

O CB Nigrán doa a Afaga os máis de 1.700 € recadados durante o seu torneo de Semana Santa

Esta mañá a Directiva do CB Nigrán entregou a Juan Carlos Rodríguez, Presidente de AFAGA, Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer, todo o recadado durante a VI edición do seu Torneo “Basket sen Barreiras”. Preto de 400 nenos e nenas e máis de 30 equipos pasaron durante dous días polo Pavillón de Panxón para xogar ao baloncesto e mostrar o seu lado máis solidario achegando un donativo para AFAGA.

As xornadas de mañá serviron como xornadas de convivencia a través do xogo entre os usuarios de Afaga, usuarios do Centro Juan María e os xogadores e xogadoras das categorías infantil, cadete e júnior do CB Nigrán. Para as xornadas de tarde habilitáronse dúas pistas de xogo onde disputaron diferentes encontros os equipos dos clubs participantes nas categorías mini, premini e baby. Estas dúas últimas o luns de tarde e a categoría mini pechando o torneo o martes pola tarde.

Cada xogador/a participante realizou un donativo para colaborar con Afaga, que foi depositado na urna e que se atopou no pavillón durante os dous días de torneo. Todas as familias de xogadores así como o resto de persoas asistentes tamén colaboraron con este fin solidario achegando o seu propio donativo. Ademais, durante os dous días de competición realizáronse sorteos de diferentes agasallos entre os asistentes e todo o recadado coa venda das rifas achegouse tamén á devandita urna.

Á entrega de medallas asistiron o alcalde de Nigrán, Juan González, o concelleiro de Deportes, Luis Sanromán, e responsables doutras Concellerías así como o Presidente de Afaga, Juan Carlos Rodríguez. Despois de dous anos sen poder organizar este tipo de eventos, o CB Nigrán pensa xa na organización de novos torneos con máis ganas que nunca dadas as boas situacións vividas nestes dous días.