De la Gándara, imbatible na Liga de Outono de J80

O regatista vigués Javier de la Gándara volveu mostrar a súa valía un día máis en augas da baía de Baiona ao liderar unha nova xornada triunfante o Okofen na Liga de Outono de J80. O navegante oceánico e a súa tripulación levan 5 vitorias nas 6 probas disputadas ata o momento na liguiña organizada polo Monte Real Club de Yates.

O pleno de primeiros postos conseguidos ata o momento polo Okofen quedou embazado unicamente por unha segunda posición asinada esta tarde nunha das probas. Un resultado que, coa entrada en xogo dun descarte, puideron eliminar do marcador, consolidando así o seu liderado e afastándose cada vez máis dos seus rivais.

Con 5 puntos, os de Gándara sitúanse á fronte da clasificación seguidos polo Cansino de Fernando Yáñez, que un día máis volveu coarse nos postos de cabeza, pero sen lograr ascender á primeira posición. Asinou un terceiro e un segundo postos nas regatas deste sábado en Baiona e situouse segundo da xeral provisional con 15 puntos.

Ascendeu tamén unha posición e coouse no podio provisional o Spaco de Santiago Estévez, moi favorecido hoxe pola aplicación do descarte. Chegará á final con 24 puntos, co Luna Nueva de Juan Luis Tuero pisándolle os talóns desde a cuarta posición con 25 puntos. Pecha o Top 5 da Liga de Outono de J80 o Alboroto de Juan Carlos Ameneiro, con 29 puntos.

A sorpresa desta terceira xornada, na que o vento soprou son intensidade e puxo emoción ás probas, deuna o Marías de Manuel María Cunha. O portugués, recentemente chegado de Calpe de disputar a Liga Española de Vela representando ao Monte Real Club de Yates, logrou vencer ao Okofen de Javier de la Gándara na primeira proba do día, algo que ningún outro veleiro lograra ata o momento. Con ese primeiro posto e o terceiro logrado na segunda proba, na que se viron prexudicados por unha rotura de spi, conseguiu ascender bastantes posicións na xeral, pero as súas ausencias nas primeiras xornadas déixano afastado dos postos de honra.

A liga de J80 séguese disputando co cumprimento de todos os protocolos de seguridade establecidos por mor da pandemia do coronavirus, cun gran número de medidas de control que eviten calquera situación de risco.

A cuarta e última xornada da competición disputarase a finais deste mes, o sábado 28 de novembro, nun día no que ademais das probas definitivas na auga, o Monte Real Club de Yates entregará os premios aos gañadores.