Baiona e Nigrán xa poden desfrutar do 5G na banda de 700 MHz

Telefónica España acendeu nos últimos dous días o 5G na banda de 700 MHz en 18 novos concellos da provincia de Pontevedra, tras o primeiro grupo de cinco (Lalín, Redondela, Valga, Vigo e Pontevedra) activados a finais de febreiro. Continúan así os traballos de extensión desta rede en toda Galicia, tras a autorización por parte do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital para activar os equipos de radio (nodos) desta banda de frecuencias.

A banda de 700 MHz, tamén chamada banda baixa, permite dar unha cobertura máis extensa, penetra mellor en interiores e universaliza algunhas das características das comunicacións 5G, como é a baixa latencia (retardo). Deste xeito, convértese no complemento perfecto para a banda de 3,5 Ghz, na que tamén opera Telefónica e que é idónea para servizos que precisan de moi alta velocidade de transmisión, pero que ten un alcance menor e atravesa peor algúns obstáculos como as paredes dos edificios, algo que si posibilita o sinal na banda de 700 MHz.

O aceso do 700 MHz avanza desta forma na provincia de forma progresiva, xa que a Administración permitiu facelo en 60 instalacións á semana durante as primeiras semanas. Ademais, as operadoras teñen que comunicar previamente as poboacións onde se vai a acender, para que se comprobe que non hai interferencias coa TDT e váianse resolvendo nos casos puntuais en que se produzan. O obxectivo en toda España é terminar o ano con 1.400 municipios con 700 MHz e en 2023 chegar aos 2.400.

Co aceso do 700 MHz, Telefónica segue completando a cobertura 5G, que en España chega xa a máis do 80% da poboación, a todas as capitais de provincia e tanto ás grandes poboacións como a pequenas localidades de menos de 3.000 habitantes.

Un fito importante

A poxa da banda de 700 MHz en xullo de 2021 supuxo un fito importante para impulsar o despregamento de 5G en España. Telefónica resultou adxudicataria de 1 bloque por un importe total de 310,09 millóns de euros, o que vai permitir á operadora consolidar o seu liderado en conectividade ao unir o impulso da cobertura 5G coa súa ampla rede de fibra.

O espectro 5G complétase coa banda milimétrica de 26 Ghz., que está destinada a ofrecer as maiores velocidades e capacidades en espazos limitados ou en despregamentos concretos de altas prestacións. É a tecnoloxía de cobertura máis recente e non ten aínda data de licitación en perspectiva.

Relación de concellos con estacións de 5G 700 Mhz activadas na provincia de Pontevedra: A Guarda, Baiona, Caldas de Reis, Cangas, O Grove, A Illa de Arousa, Lalín, Marín, Meaño, Nigrán, Ponteareas, Pontecesures, Pontevedra, Redondela, Sanxenxo, Tomiño, Tui, Valga, Vigo, Vilaboa, Vilanova de Arousa e Salvaterra de Miño.